
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez inaugura no Museo MEGA un dos cursos de alta especialización impulsados desde o Goberno galego para os docentes destas ensinanzas
A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, destacou hoxe a implicación da empresa Hijos de Rivera coa FP galega e agradeceu a súa participación tanto na formación do alumnado como do profesorado, destacando a importancia da colaboración pública-privada para acadar novas cotas de excelencia. Fíxoo na inauguración dun dos cursos de alta especialización impulsados desde a Xunta para os docentes destas ensinanzas, neste caso centrado na cultura cervexeira e impartido no museo Mundo Estrella Galicia.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP subliñou a importancia da formación continua do profesorado de FP como medio para reforzar a calidade destas ensinanzas e blindar, deste xeito, o modelo de éxito da FP galega. “Este tipo de formacións enriquecen o coñecemento dos nosos docentes e melloran a formación dos estudantes, achegándoos ás novas tendencias e esixencias do sector hostaleiro”, explicou.“A especialización é clave para asegurar que a FP galega siga sendo unha referencia no mercado laboral, proporcionando oportunidades reais de desenvolvemento profesional”, afirmou.
O curso é impulsado polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros no marco dun plan de formación docente que conta con máis de 100 actuacións. Impárteo o equipo de Cultura de Cervexa de Hijos de Rivera e ofrece un percorrido integral polo mundo da cervexa, desde as materias primas e os procesos de elaboración ata o maridaxe e a cata. Ao longo de dúas xornadas, o profesorado participante adquirirá competencias prácticas a través de talleres e dinámicas que permitirán aplicar os coñecementos adquiridos nun contexto real.
Ademais, os asistentes terán a oportunidade de coñecer en profundidade a clasificación cervexeira internacional, explorando as escolas centroeuropea, belga, británica e americana. A formación busca dotar aos docentes de coñecementos avanzados sobre o sector cervexeiro, a súa elaboración e servizo, e conta coa certificación internacional Anfitrión Cicerone, recoñecida como a máis prestixiosa no ámbito do coñecemento cervexeiro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.