
Inés Rey: “Queremos poñer o foco niso que reivindicamos case cada día: a visibilización das mulleres como referentes en todos os ámbitos”
As Naves do Metrosidero acollerán o 21 de marzo a actividade “Sen Límites”, coa piloto de Marta Loureiro ou a skater Valentina Planes entre outras
Celebrarase a mesa redonda “Conversas con… Mulleres xornalistas” na Domus, con referentes do xornalismo deportivo como Lucía Dávila, Leticia Chas, Lis Franco e Mónica Marchante
A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá a programación do Concello polo o 8-M, Día Internacional das Mulleres, que se celebrará ao longo de todo o mes de marzo baixo o lema “Mulleres, liderando o cambio”. Rey, acomapañada pola concelleira de Benestar social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, subliñou a importancia do lema e explicou que “non foi escollido ao azar senón dende a profunda reflexión, pois queremos poñer o foco niso que reivindicamos case cada día: a visibilización das mulleres como referentes en todos os ámbitos”.
A programación inclúe máis de 20 actividades que abranguen cine, teatro, conversas, obradoiros, actividades educativas e deportivas. Nesta edición, o Concello fai unha aposta decidida por destacar as mulleres en espazos de liderado, especialmente en sectores tradicionalmente masculinizados. “Durante décadas, as mulleres estivemos ausentes de moitos espazos, especialmente naqueles vencellados ao poder, á toma de decisións e á visibilidade. Pero iso está a cambiar, e cada vez somos máis as mulleres na primeira liña da ciencia, a tecnoloxía, a política, a cultura ou o deporte”, destacou a rexedora.
A alcaldesa fixo especial fincapé no enfoque cara á mocidade, lembrando que “os datos que coñecemos o pasado ano sobre a percepción da igualdade entre a mocidade amosan que aínda queda moito traballo por facer”. Neste sentido, a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, sinalou que o obxectivo é ofrecer referentes sólidos para as novas xeracións e fomentar a educación na igualdade desde a infancia. “Esta programación está especialmente enfocada nas xeracións máis novas, porque a igualdade real só será posible se educamos aos nenos e nenas no respecto, na igualdade e na corresponsabilidade”, engadiu. Entre as actividades máis destacadas, Canosa subliñou a manifestación central do 8M, que terá lugar ás 20.00 horas con saída desde o Obelisco e chegada á praza da Palloza.
Unha das grandes novidades deste ano será a actividade “Sen Límites”, que se celebrará o 21 de marzo nas Naves do Metrosidero, dirixida ao alumnado de secundaria. Neste espazo interactivo, as mozas e mozos poderán coñecer de preto a mulleres que destacan en profesións tradicionalmente masculinizadas. “Cada unha compartirá a súa experiencia, destacando os retos superados e as oportunidades que abriron camiño para outras mulleres”, explicou a edil. Entre as participantes atópanse Mª de los Baños Rodríguez Álvarez, policía local; Susana Pedreira, bombeira; Marta Loureiro Becerra, piloto de rally; Valentina Planes, skater; e Isabel López Vila, primeira anestesista do Hospital Belén. Ese mesmo día, celebrarase na Domus a mesa redonda “Conversas con… Mulleres xornalistas”, que terá lugar o 21 de marzo, ás 19.00 horas con referentes do xornalismo deportivo como Lucía Dávila (DXT Campeón), Leticia Chas (Radio Cope, LaSexta), Lis Franco (La Voz de Galicia, Marca) e Mónica Marchante (Canal+, La Liga TV).
O ciclo complétase o 14 de marzo no Paraninfo da Universidade, con “Conversas con… Mulleres STEM en acción”, dirixida ao alumnado de secundaria e bacharelato no que participarán expertas como Débora García Bello, divulgadora científica; Ana Freire, especialista en Intelixencia Artificial aplicada á saúde mental; e Virginia Mato, directora da Cátedra Aldaba-WIB; e pola tarde, na Domus, celebrarase o encontro “Conversas con… Mulleres, liderando o cambio”, coa participación de Carolina Pecharromán, xornalista e editora de Igualdade de TVE; Nativel Preciado, escritora e referente do xornalismo español; e Uxía Oviedo de Dios, alcaldesa de Maceda. A xornada estará amenizada pola artista Catuxa Salom.
V Andaina polo Día da Muller
No eido deportivo, o 15 de marzo celebrarase a XIII Carreira Popular Torre de Hércules – XI Trofeo J.A. Varela Calviño, que marca o inicio do circuíto Coruña Corre. Xunto a ela, tamén se desenvolverá a V Andaina Conmemorativa do Día da Muller, cun percorrido accesible de aproximadamente cinco quilómetros. A saída será desde o paseo dos Menhires, e a participación é gratuíta, previa inscrición a través da web municipal.
PROGRAMACIÓN COMPLETA POR DÍAS
Sábado, 8 de marzo
- Obra teatral ‘La Maestra’ | 18.00 h | Fórum Metropolitano | Público xeral ● Karaoke 8M – Musas de Moitas | 18.00 horas | Espazo Xuvenil do Remanso | Poboación de 12 a 30 anos
- Manifestación 8M | 20.00 h | Saída do Obelisco – Chegada á Palloza | Público xeral Luns, 10 de marzo
- Espectáculo infantil ‘Bule Bule’ | 12.00 h | Ágora | Público infantil e familias Martes, 11 de marzo
- Mesa Redonda Mulleres Referentes | 18.30 h | Centro Cívico do Castrillón Mércores, 12 de marzo
- III Mostra Internacional de Cinema por Mulleres
○ ‘Café networking’ | 12.00 h | Centro Sociocultural Ágora
○ ‘Nós tamén producimos longametraxes’ | 18.00 h | Centro Sociocultural Ágora ○ Proxección ‘As Neves’ | 20.30 h | Cantones Cines | Público xeral
Venres, 14 de marzo
- Conversas con… Mulleres STEM en acción | 10.15 h | Paraninfo da Universidade | Alumnado de 3º e 4º ESO e 1º Bacharelato
- Conversas con… Mulleres, liderando o cambio | 18.45 h | Domus | Público xeral Sábado, 15 de marzo
- V Andaina Conmemorativa do Día da Muller | Saída desde a Torre de Hércules | Público xeral
Mércores, 19 de marzo
- Obra teatral ‘Roedores’ | 12:00 h | Ágora | Alumnado de 1º, 2º e 3º de primaria Venres, 21 de marzo
- Sen Límites: Mulleres en profesións masculinizadas | 10.00 – 13.00 h | Naves do Metrosidero | Alumnado de 1º e 2º da ESO
- Conversas con… Mulleres xornalistas | 19.00 h | Domus | Público xeral
Sábado, 22 de marzo
- Obradoiro ‘Monetizar desgrazas’, con Afra Torrado | 18.00 h | Espazo Xuvenil Remanso | Poboación de 12 a 30 anos
Martes, 25 de marzo
- Obradoiro “Mi Celia” | 18.00 h | Espazo Diverso – Centro Cívico da Cidade Vella Mércores, 26 de marzo
- Obradoiro “Mi Celia” | 18.00 h | Espazo Diverso – Centro Cívico da Cidade Vella Xoves, 27 de marzo
- Letura do manifesto polo 8-M | Consello Local da Infancia
Venres, 28 de marzo
- Espectáculo de clown e danza ‘Rojo’ | 20.30 h | Fórum Metropolitano | Público xeral con entrada
Sábado, 29 de marzo
- Obradoiro ‘Colaxe Violeta’ co Taller de Polo | 19.00 h | Espazo Xuvenil Remanso | Poboación de 12 a 30 anos
Domingo, 30 de marzo
- III Mostra Internacional de Cinema por Mulleres: ‘Los destellos’ | 18.00 h | Cantones Cines | Público xeral
Outras actividades
- Actividades educativas nos Espazos de Atención á Infancia Municipais | Do 6 ao 14 de marzo nos horarios de apertura de cada un dos espazos
● Actividades Educativas na Escola Intercultural da Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI) | De 18.00 a 20.30 horas | Semana do 8 de marzo
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.