Monday 10 de March de 2025

Ribeira solicita un ambicioso proxecto de rexeneración urbana que ascende a 13 millóns de euros


A actuación céntrase en revitalizar un dos barrios que historicamente presentou un déficit de investimento

O Concello de Ribeira anunciou o lanzamento dun ambicioso Plan de Actuación Integral (PAI), estruturado en diversas fases estratéxicas que permitirán transformar o barrio de Banda ao Río dende o punto de vista urbano, ambiental, social e cultural.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, destacou que “este proxecto, no que está a traballar un equipo técnico, sería un antes e un despois xa que transformaría a imaxe urbana da vila. Segundo dixo, “esta iniciativa pretende profundar no novo modelo urbano centrado en gañar espazos públicos para as persoas, máis espazos verdes e zonas deportivas, integración da cidade co mar ou fomentar a mobilidade sostible”. Pérez Barral asegurou que, de conseguir este financiamento, “lograremos revitalizar o barrio orixinario de Ribeira, Banda ao Río, mantendo esa ligazón co mar pero aumentando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas”.

Cerqueira epicentro social e cultural

O plan prioriza a revitalización do barrio histórico de Banda ao Río, facendo de Cerqueira un elemento central coa súa recuperación como patrimonio industrial conserveiro, converténdoo nun espazo social de eventos, de aprendizaxe e de participación comunitaria. Tamén se fomentará o ámbito cultural coa creación dun museo ligado ao mundo do mar na casa anexa á fábrica. Ademais contémplase a construción dun centro multiúsos, de menor cabida, destinado a promover a integración social, e o fortalecemento da convivencia veciñal podendo acoller unha grande variedade de actividades de todo tipo, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.

Rexeneración urbana, mobilidade sostible e espazos verdes

Por outra banda este ambicioso proxecto contempla a creación de novos espazos públicos destinados ao uso e desfrute da veciñanza. Ampliarase e transformarase a praza de Pontevedra, integrándoa co parque de Pedra Pateira, creando así un espazo público sostible, accesible e inclusivo. Para iso derrubarase o antigo auditorio, permitindo o deseño de grandes áreas verdes, con mobiliario urbano, zonas de xogos infantís, pistas deportivas e de calistenia, promovendo unha vida activa e saudable, e espazos interxeracionais.

A residencia de maiores, a casa do mar e o Club de Xubilados do Mar, situados nun extremo da praza, beneficiaranse desta transformación, ao contar cun espazo integrado, accesible e inclusivo que mellorará a calidade de vida dos seus residentes. Ademais, esta nova praza-parque unirase ao mar coa creación dunha plataforma única e cunha balconada ao mar.

Como parte do proxecto, prevese a construción dun aparcadoiro disuasorio, soterrado, de baixas tarifas e dotado dunha capacidade de 250 vehículos. O estacionamento ten un enfoque intermodal xa que a súa localización céntrica permite conectar a cidade a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, destacou que esta actuación garantiría solucionar a demanda de máis espazos de estacionamento que a día de hoxe ten Ribeira así como a demanda de espazos polivalentes para acoller actividades sociais. “Agardamos que este proxecto poida ter o financiamento do Goberno estatal e, unha vez se consigan eses fondos, iremos contemplando as partidas que teña que asumir o Concello nos orzamentos anuais”.

O segundo tenente de alcalde, Franciso Suárez-Puerta, destacou que de aprobarse este proxecto suporá un dos maiores investimentos na historia no concello para transformar un barrio que presentou deficiencias. Informou que a praza que se contempla crear permitiría, de ser o caso, acoller grandes eventos festivos na zona mentres que no apartado tecnolóxico puxo en valor os investimentos por máis de 100.000€ que permitiría dotar ao barrio dun espazo conectado.

Grazas á elaboración deste proxecto Ribeira aspira a obter, a través dos novos fondos da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), un investimento de 13.330.000 euros. Mediante esta nova visión de cidade, o goberno ribeirense, aposta por investir nas zonas máis degradadas do municipio, recuperar edificios históricos en lugar de crear novas edificacións, xerar espazos verdes e resolver a necesidade de estacionamento.

Deja un comentario