Sunday 24 de November de 2024

Máis de 200 docentes de secundaria perfeccionan as súas competencias no uso das novas tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento nas II Xornadas Escola TAC


O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa participou na apertura desta cita, que se celebra hoxe en Santiago

O director xeral de Educación, FP e Innovación educativa participou na inauguración das II Xornadas O escolaTAC, un evento de formación no que arredor de 240 docentes de ESO e Bacharelato perfeccionan as súas competencias no uso das novas tecnoloxías da aprendizaxe e o coñecemento. O encontro, que se celebra hoxe na Escola Galega de Administración Pública, é organizado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo explicou o director xeral, a xornada enmárcase na forte aposta do departamento educativo da Xunta de Galicia pola formación permanente do profesorado, en especial nos ámbitos nos que o ensino supón maiores retos, neste caso as tecnoloxías: entornos virtuais de aprendizaxe, robótica ou uso de aplicacións didácticas. O obxectivo é que o docente asimile os conceptos e os poña en práctica na aula, aproveitando todas as posibilidades que os novos dispositivos, como as tablets, os robots ou as impresoras 3D, abren no eido do ensino.

Neste sentido o director xeral salientou o labor do profesorado e a súa implicación para renovar os seus coñecementos, mesmo fóra do horario lectivo, co fin de avanzar na excelencia da educación pública impartida en Galicia e, polo tanto, apostando polo futuro do alumnado.

Formación práctica
O escolaTAC é un evento paralelo ao xa coñecido escolaTIC do que se celebraron dúas edicións. Nesta ocasión, a actividade está fortemente centrada en obradoiros de formación práctica nos que os docentes teñen a oportunidade de experimentar diferentes formas de traballo (aprendizaxe móbil, ludificación, aula invertida, espazos virtuais de aprendizaxe…), integrando medios tecnolóxicos (dispositivos móbiles, robótica, impresión 3d…) e utilizando novas linguaxes (narrativa dixital, programación, creación de contidos dixitais, creación de apps…), sen descoidar os aspectos legais que afectan ao emprego das novas tecnoloxías nas aulas.

En talleres eminentemente prácticos, os participantes neste evento poden practicar xeitos novidosos ou diferentes de abordar o seu labor docente, palparán novas realidades que aplicar nas aulas, e poderán, en definitiva, incorporar as TIC nos procesos de ensino- aprendizaxe dun xeito enriquecedor.

Entre os relatores da xornada cóntase con docentes de grande relevancia no ámbito educativo, tanto da nosa comunidade (César Fernández Riádigos, Javier Méndez, Esperanza Gesteira, Xacobo de Toro, Manuel Ángel García, Mónica Mariño) como de fóra dela (Abraham Alonso, Joan Padrós, Charo Fernández). Toda a información relativa a este evento pódese consultar en www.escolatac.gal