
O servizo municipal de limpeza viaria non só se encarga de ter nas mellores condicións posibles as rúas e beirarrúas urbanas co traballo que o persoal do centro especial de emprego Aspaber UTE desenvolve a diario, senón que, con distintas periodicidades, tamén asume outro tipo de tarefas como a limpeza das sendas ciclo-peonís, fontes e lavadoiros, papeleiras e soares ou rozas coma as que está a facer periodicamente en todos os aparcadoiros gratuítos da zona urbana.
Nesa liña de actuación, unha das últimas actuacións realizadas polo persoal do servizo foi a retirada de terra, o baldeo de todos os camiños e o lavado das ramplas e escaleiras de acceso ao parque do San Martiño, no que se tiña acumulado moita sucidade por mor das enchentes do río semanas atrás.
O traballo do servizo municipal de limpeza viaria tamén inclúe limpezas puntuais de pintadas, manchas ou vertedoiros incontrolados, e o mantemento de bancos, maceteiros, soportes e maquesiñas. Nestas últimas está a traballar estes días o persoal de Aspaber UTE, co obxectivo de poñer a punto as 151 marquesiñas que temos repartidas polo municipio. Os labores consisten na roza da contorna da marquesiña, o lavado con máquina a presión tanto da marquesiña coma do pavimento, e a retirada de pintadas ou carteis.
Lembra que se detectas calquera tipo de dano no mobiliario urbano podes notificalo por diferentes vías, pero recomendámosche usar a APP de incidencias do Concello de Carballo, que podes descargar en calquera dispositivo e que che permitirá facernos chegar a posición concreta e mesmo unha foto do elemento danado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.