
O Concello de Neda promove durante a próxima semana varias xornadas de portas abertas na Escola infantil municipal Os Pelegríns. A iniciativa busca dar a coñecer ás familias este centro de atención socioeducativa, semanas antes da apertura do prazo de pre-inscrición de novo alumnado para o curso 2025-2026.
Tras os días centrais do Entroido, os pais e nais con fillos e fillas, de entre os tres meses e tres anos, terán a oportunidade de visitar a escola, o principal servizo co que conta o Concello para favorecer a conciliación de vida familiar e laboral, para coñecer as dependencias e saber un pouco máis do seu proxecto educativo.
O persoal do centro, situado xunto ao Paseo marítimo de Xuvia, recibirá o mércores 5 de marzo, entre as 10.30 a 11.30 horas, e o xoves 6, de 16 a 17 h, e o venres 7, de 10.30 a 11.30 h, a todas as familias que se acheguen ás instalacións na procura de información da escola, que manterá a súa gratuidade.
Durante a primeira quincena de marzo estará aberto o prazo para que o alumnado actual renove prazas. Posteriormente, activarase o período de pre-inscrición para novo alumnado.
O centro funciona os doce meses do ano cun horario continuado que abarca de 8 a 16 horas (conta con cociña e comedor), ofrece as posibilidades de xornada completa, media xornada e xornada reducida, segundo as necesidades das familias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.