Permite consultar os eventos culturais galegos por data, lugar, tipoloxía e proximidade
Preto de 1.000 galegos consultan os eventos e as actividades culturais nos seus dispositivos móbiles grazas á aplicación da Axenda de Cultura de Galicia. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicaron esta nova aplicación o pasado mes de novembro, a número 19 das 20 que ten dispoñibles a Xunta.
Esta nova ferramenta, que ofrece todas as actividades culturais que se publican na axenda do portal cultura.gal, está xa dispoñible en galego e castelán para dispositivos con sistema operativo IOS e Andoid.
Funcionalidades
Os preto de 1.000 usuarios que descargaron esta aplicación xa poden consultar a actividade cultural que se vén programando nas catro provincias galegas realizando buscas por data, lugar, tipoloxía e proximidade xeográfica. Ademais, os eventos están xeolocalizados para facilitar a información de acceso aos espazos nos que teñen lugar.
A aplicación permite, tamén, gardar as últimas buscas realizadas, filtrar os eventos por tipo de acceso e público ao que van dirixidos e marcar como favoritos os actos de interese e gardalos no calendario.
Preto de dez organismos da Xunta colaboran na achega de contidos a Axenda: as Secretarías Xerais de Cultura e de Política Lingüística, a Axencia Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Industrias Culturais, o Centro Galego de Artes da Imaxe, Museos de Galicia, Arquivos de Galicia, a Rede de Bibliotecas de Galicia e a Fundación Cidade da Cultura.
Vinte apps da Xunta de Galicia
Esta axenda cultural, coa que o Goberno autonómico contribúe á divulgación da actividade cultural galega, fai a número dezanove das aplicacións móbiles lanzadas pola Administración autonómica nos últimos catro anos para diferentes sistemas operativos: Android, iOS, Windows Phone e Blackberry. Está dispoñible no espazo ‘Xunta’, onde se publican o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles, baixo a coordinación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O catálogo de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia inclúe servizos para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute), coa pesca (Non piques-Non peques) e co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus).
Identificadas nun espazo único
En maio de 2013 o Consello da Xunta acordou que a publicación das aplicacións creadas por calquera organismo da Administración xeral nas plataformas Android e IOS se realizase baixo a denominación única de “Xunta de Galicia”, facilitándolle á cidadanía a súa identificación e contribuíndo a aumentar a confianza de quen as usa, ao actuar a Administración autonómica como garante da fiabilidade e da súa actualización. A raíz desta medida e para difundir cales son as aplicación móbiles dispoñibles creouse un novo espazo web no portal corporativo, http://www.xunta.es/aplicacions-mobiles, onde se poden consultar as aplicacións rexistradas.