Monday 10 de March de 2025

O pleno ordinario aproba a reforma integral e a accesibilidade da rúa Cristóbal Colón


Rematando o mes de febreiro celebrouse o Pleno Ordinario do Concello de Ribeira onde se aprobou por unanimidade a revisión dos prezos para o ano 2025 do contrato subscrito con Viaqua, a mellora da accesibilidade na rúa Cristóbal Colón e os arranxos na contorna da Casa de Cultura de Castiñeiras. Aprobouse a revisión das bonificacións do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (I.C.I.O.) cos votos a favor do BNG, PBBI, PSdeG e abstención do PP. A mesma votación aconteceu co recoñecemento extraxudicial de crédito.

Aprobouse con 11 votos a favor dos grupos de Goberno e 10 en contra do PP a desestimación do recurso de reposición interposto contra acordo do Pleno de 27/11/2024, de liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e xestión do aparcadoiro da praza do Centenario.
Revisión de prezos para o ano 2025 do contrato suscrito con Viaqua
O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a revisión ordinaria do ano 2025, cun coeficiente de actualización do 1,9018%, resultando as seguintes tarifas: P (Total 1º bloque) 0,5131 €/m3 e Cv (Total 2º bloque) 0,2419 €/m3.

As devanditas revisións teñen como antecedente o acordo plenario do 31 de maio de 2010 adxudicando a “AQUAGEST S.A.” o contrato de xestión do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Ribeira, sendo a primeira revisión de prezos en novembro no ano 2012.
No 2013 se procede a dar conta dun cambio de titularidade do contrato de xestión do servizo público de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Ribeira a nome da empresa VIAQUA, durante tódolos anos se produce unha revisión de prezos que teñen que estar aprobados en sesión plenaria.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso manifestou que é un dereito que ten a concesionaria, o da revisión de prezos en función de como van
evolucionando o custo do servizo; hai unhas fórmulas matemáticas que ten o costo do m3 de auga en función do que serviu no seu día a oferta para xustificar o contrato. No contexto actual houbo variación de prezos tanto nos custos de enerxía como dos salarios e a man de obra como nos gastos xerais, un IPC no mes de agosto de cando corresponde aplicar a revisión do 2,3% de incremento e por outra banda a diferenza de custes da retribución da auga que se compra en alta (auga do abastecemento do río Ulla).
Feitos os cálculos e revisada toda a documentación, a porcentaxe que sae a incrementar o custo retributivo do m3 da auga increméntase nun 1,90% .
Pouso Maneiro para rematar afirmou que o equipo de Goberno non ten previsto que repercuta dita subida na factura para a veciñanza.

Bonificación I.C.I.O. KIBU INMUEBLES S.L.U.

O I.C.I.O. é un imposto sobre construcións, instalacións e obras que liquidan os concellos e do cal os promotores poden obter bonificacións si se comprometen a crear novos postos de traballo que redunden na promoción do emprego no municipio.

Para a concesión desta bonificación deben concorrer a unha serie de requisitos; por exemplo, os novos empregos deberán ser directos e de carácter indefinido, os contratos haberán de manterse, xunto coa media de traballadores da empresa, por un período mínimo de tres anos, contados dende o inicio da actividade…

Todos estes requisitos nos levan a unha gradación da porcentaxe de bonificación que aplicarase do seguinte xeito:
– Ata o 95 por 100 pola creación de máis de 20 postos de traballo – O 75 por 100 pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo – O 50 por 100 pola creación de ata 10 postos de traballo.
Parece contraditoria a actual redacción da Ordenanza Fiscal, no senso de que sinala un “ata” para o 95 por 100 de bonificación e non establecer este “ata” nos tramos de creación de ata 10 e ata 20 empregos (co que resultaría a mesma porcentaxe de bonificación para a creación de 1 ata 10 – 50%, e de 11 ata 20 – 75%). O estudo da actual gradación da porcentaxe manifesta falta de equidade polo que é necesario revisar esa gradación e actualizala para paliar esta disfunción e facer que as bonificacións atendan ao seu fin real.

A ordenanza Fiscal Xeral municipal outorga á Alcaldía a competencia para ditar instrucións e circulares que conteñan as disposicións interpretativas e aclaratorias das ordenanzas fiscais.
No caso que nos ocupa a empresa solicitaba unha bonificación do 50% pola creación dun só posto de traballo polo que segundo a nova actualización aprobouse por 11 votos dos grupos de Goberno por 10 abstencións do PP unha bonificación do 5% da cota do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras polas obras de construción da nave-almacén da firma solicitante (KIBU INMUEBLES, S.L.U.), pola creación de 1 posto de traballo de carácter indefinido a xornada completa, a formalizar na liquidación definitiva do ICIO e unha vez cumpridos os requisitos que se recollen na Ordenanza Fiscal A.4.
O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta manifestou que a bonificación que se propón “sería un tanto excesiva xa que a creación de un posto de traballo para bonificar un 50% sería un chollo para as empresas”, e rematou alentando a que se faga unha modificación neste aspecto “que clarifique moito máis esta norma”.
A concelleira de Facenda manifestou que é unha interpretación equitativa, xa “o que maior postos de traballo cree teña a maior bonificación e non bonificar do mesmo xeito o que cree un posto de traballo como o que cree 10 porque sería algo totalmente inxusto”.
Aprobación por unanimidade da solicitude de subvención nominativa á Deputación da Coruña para a execución do proxecto “Mellora da accesibilidade na rúa Cristóbal Colón, entre a rúa Lugo e a rúa Eduardo Pondal”

O rexedor, Luís Pérez informou das particularidades do proxecto que contempla unha reordenación integral da vía, que incluirá a redución da calzada a un único carril de circulación nun sentido e a habilitación dunha franxa de aparcamento en liña no lado dereito. As beirarrúas ampliaranse considerablemente, alcanzando 2,20 metros na marxe esquerda e 3,60 metros no dereito alén da plantación de árbores que contribuirán á mellora estética e ambiental da rúa. Así mesmo, na actuación prevese o reforzo da iluminación eliminando esa aparencia actual de zona lúgubre garantindo unha contorna máis segura.

A magnitude e o impacto desta actuación requiren a colaboración interinstitucional para garantir o seu éxito. Por iso, é fundamental establecer un convenio coa Deputación da Coruña, que permita acceder a recursos financeiros que posibiliten a execución do proxecto. Este convenio de colaboración facilitará a realización da obra nos prazos previstos e consolida a boa cooperación entre o Concello de Ribeira e a Deputación da Coruña para realizar actuacións que benefician á veciñanza, actuacións que non serían posibles sen a axuda económica da institución provincial.

Pérez Barral rematou a introdución manifestando que a rehabilitación da rúa Cristóbal Colón “é unha necesidade urxente que responde a criterios sociais e económicos”, e engadiu “esta actuación mellorará significativamente a calidade de vida da poboación residente na zona, dinamizará a economía local e contribuirá ao desenvolvemento dunha Ribeira pensada nas persoas”.
O orzamento de execución por contrato é de 267.964,98€ e se financiará cunha subvención nominativa ao marxe dos programas de subvencións de concorrencia competitiva ou plans da Deputación, debido a tipoloxía e contía da actuación a realizar, polo importe de 214.371,98 euros, que supoñen o 80% de coeficiente de financiamento do orzamento total de execución por contrata. O compromiso da Corporación é de asumir o restante 20% do coeficiente de financiamento do orzamento total, con cargo aos fondos propios do Concello de Ribeira, ascendo a 53.593,00 euros.

Suárez-Puerta manifestou que “como veciño do centro, nos últimos 30 anos creo que non se fixo nada nesta rúa; é unha zona bastante escura, ten problemas nas beirarrúas e na estrada que fan necesaria a súa actualización”. Pouso significou “que esperamos contar co apoio da Deputación, é un proxecto que inicialmente ascende a 267.964,00 euros do que solicitamos que a Deputación nos aporte 214.371,98 euros; de facerse realidade a concesión desta subvención, vai a supoñer a realización desta obra unha mellora das condicións das infraestruturas de toda esa zona así como a mellora de calidade de vida da súa veciñanza”.

A concelleira de Educación, Cruz Rivadulla, indicou que esta rúa ten unha importante densidade de poboación e ten unha enorme dificultade para transitar por ela sobre todo para persoas con idade avanzada ou con mobilidade reducida este proxecto que facilitará a circulación peonil e fomentará a inclusión e a accesibilidade universal da mesma.

Aprobouse por 11 votos a favor dos grupos do Goberno por 11 en contra do PP a desestimación do recurso de reposición interposto contra acordo do Pleno de 27/11/2024, de liquidación do contrato de concesión de obra pública para a construción e xestión do aparcadoiro da praza do Centenario.

O rexedor comezou introducindo o tema no que abordou a traxectoria e o actual contexto de municipalización do aparcadoiro do Centenario; a liña do tempo chegou ao pasado pleno do 27 de novembro do pasado ano onde se acordou en sede plenaria a liquidación.
A empresa adxudicataria presentou un recurso de reposición que foi desestimado no pleno de hoxe por 10 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG e 10 votos en contra do PP.
“Dende o noso punto de vista, o normal é ter en conta o informe feito, moi ben argumentado por parte de tesourería, intervención, secretario xeral e a técnica de administración xeral no que se deixa claro punto por punto que non se debe atender a este recurso e que se deben desestimar as alegacións, polo tanto a nosa postura; é como dixo o alcalde, entendemos que debería ser da maioría, de poñernos no lado dos intereses da veciñanza de Ribeira” argumentou Suárez-Puerta, e para finalizar engadiu “despois si se chega ao caso, isto acabará nun posterior procedemento xudicial e xa será o xuíz ou xuíza quen deba decidir pola nosa parte”.

Pouso Maneiro falou do establecemento da valoración da liquidación do contrato no que se partira da propia valoración do custo das obras, se descontaron as amortizacións, impostos, diferentes tarifas que o concello tivo que asumir, reparacións de mantemento da infraestrutura “para que se puidese funcionar cun mínimo de condicións aceptables”. Pouso tamén aludiu a unha valoración do estado no que estaba esa instalación para cuantificar todas as deficiencias e o custo que tería emendar ditas deficiencias para que a instalación estivera nun estado aceptable de mantemento; ditas valoracións ascendían a 892.000 euros e “aparte disto descontamos tamén o importe das contías que se obtiveron como beneficio da administradora concursal mentres esa instalación estibo sendo xestionada”. Herminia rematou sostendo “feitas estas contas, PROINSA non están da cordo con elas, loxicamente defenden os seus intereses, cuestión distinta é que teñan fundamento para estas alegacións que presentan”.
Pola outra banda a concelleira de Promoción Económica, Genoveva Betanzos apelou a que “hoxe estamos aquí para facer valer os intereses do nosoconcello fronte os intereses de tódolos Ribeirenses”, Betanzos falou do incumprimento das obrigacións contraídas e tamén de que se deixou un servizo insuficiente “e unhas instalacións que lonxe de mellorar a vida da veciñanza, converteron dito aparcadoiro nun problema máis para Ribeira”. Coa chegada do novo Goberno apostouse por municipalizar o aparcadoiro co obxectivo de baixar as tarifas, tamén se modernizou o equipamento tecnolóxico e actualmente se están facendo obras para acabar coas humidades e filtracións.

A nosa obriga é clara, protexer os intereses do concello e de nosos veciños e veciñas, non podemos aceptar que quen contribuíu a que o aparcadoiro da praza do Centenario caese nun estado crítico agora pretenda poñer trabas á súa recuperación e mellora, desestimar este recurso non só é un acto xurídico é unha defensa firme da boa xestión pública do respecto polos bens municipais e a responsabilidade de cara a Ribeira.

Deja un comentario