
Os cambios nas liñas de bus urbano que recuperan o seu percorrido pola rúa serán efectivos a partir do 6 de marzo
Este xoves, 27 de febreiro, pola tarde abrirase ao tráfico rodado a rúa de San Andrés, finalizando cunha actuación de 12 meses que contou cun investimento de 3,2 millóns de euros. A alcaldesa, Inés Rey, comunicou este martes ao tecido comercial da rúa o cese das obras, convidándoos ao acto oficial de apertura, que terá lugar o xoves ás 13.00 horas na praza de San Andrés.
“Grazas a esta intervención, San Andrés recuperará a súa esencia como bulevar, cunha rúa máis amable, transitable e pensada para as persoas incorporando novas árbores e beirarrúas máis amplas”, sinala a alcaldesa, que tamén apunta a mellora das zonas de carga e descargas e a renovación das infraestruturas de saneamento, iluminación e transporte público co obxectivo de “favorecer o incremento no fluxo de visitantes, reforzando o carácter comercial de San Andrés e revitalizando e impulsando a actividade económica da zona”.
Este xoves retomarase a circulación de vehículos privados, comerciais e taxis a partir da tarde. Os cambios nas liñas de autobús urbano que recuperarán o seu percorrido por San Andrés faranse efectivos o vindeiro xoves 6 de marzo coa finalidade de levar a cabo unha apertura progresiva da rúa e informar ás persoas usuarias das novidades. Por outra banda, desde este xoves xa se poderán usar os novos espazos de carga e descarga da rúa e a zona provisional creada durante as obras na rúa de Santa Catalina tamén se manterá en servizo.
Este xoves tamén quedarán habilitados os novos contedores para o seu uso polos veciños e veciñas, así como polos e polas comerciantes da rúa. En canto á circulación, a rúa de Santa Catalina será de sentido único de circulación cara a San Andrés desde Durán Loriga, a rúa Hortas pasará a ser tamén de Sentido San Andrés e Durán Loriga e non se poderá circular pola rúa Alta entre San Andrés e Cordelería, quedando establecida como rúa peonil con carril bici.
Novidades nas liñas de autobús urbano
En canto ás novidades nas liñas de autobús urbanos derivadas da reapertura ao tráfico de San Andrés, cabe destacar que se producirán modificacións que teñen como finalidade recuperar o tránsito pola rúa do transporte urbano á vez que se adapta o mapa de liñas á futura reurbanización dos Cantóns.
As liñas 3 e 7, no sentido de entrada á cidade, manterán o seu percorrido actual por Juan Flórez, Fernando González, Notariado, Fontán, praza de Ourense e xiro cara a praza de Mina e Cantóns. Isto débese a que xa non se poderá acceder a Cantóns desde Santa Catalina. Polo tanto, manterase tamén a parada provisional fronte ao Hotel Hesperia.
Por outra banda, as liñas 4, 6, 6A e 11, en sentido entrada á cidade, recuperarán o seu percorrido anterior ás obras de San Andrés, coa súa parada orixinal na praza de Pontevedra. En canto ás liñas 4, 5, 6, 6A 7 e 11 en sentido saída da cidade, recuperarase o seu percorrido anterior ás obras accedendo a San Andrés desde a rúa Pórtico de San Andrés. As liñas 24 e UDC recuperarán a parada en praza de Pontevedra, 18.
San Andrés recupera a súa configuración como bulevar
As obras de San Andrés, executadas pola UTE formada por Abeconsa e Canarga, tiveron un orzamento de 3,2 millóns de euros co obxectivo de que esta emblemática vía coruñesa recuperase a súa configuración orixinal como bulevar. Os traballos leváronse a cabo entre as rúas Juana de Vega e Torreiro, incluíndo outras vías como Sol ou Pórtico de San Andrés, así como a restauración das prazas de Santa Catalina e da Cormelana.
A rúa de San Andrés pasa a estar disposta nun formato de plataforma única. Creouse un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro dispuxéronse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que fan de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén foron ampliadas e renovarán, con novas lousas de granito.
Entre as iniciativas medioambientais executadas no contexto das obras, o Concello plantou en San Andrés a mesma especie de moreira que había antano, a Morus alba. Plantáronse máis de 80 nas barreiras vexetais que se dispuxeron, a un lado e ao outro, entre a calzada e as beirarrúas.
A este respecto, o Goberno de Inés Rey tamén acometeu traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum —coñecido comunmente como a árbore do amor— situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina. Ao seu arredor estableceuse un perímetro de protección, que inclúe unha nova área de lecer para a cidadanía.
Ademais, tamén se instalou novo mobiliario urbano, creando diferentes espazos de lecer, así como novas marquesiñas de autobús e sinalización. Creáronse novas zonas de carga e descarga, a primeira entre os números 144 e 150 e a segunda na intersección coa rúa Nova e ampliouse a dúas o número de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida (PMR). Tamén se renovou a iluminación pública, con dispositivos led de baixo consumo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.