
Salienta que estas obras supoñen “un antes e un despois” e unha mellora “significativa” da seguridade na localidade
Estes traballos se enmarcan no Plan de xestión do risco de inundacións da demarcación Galicia-Costa para o período 2021-2027
Lembra que a Xunta vai destinar este ano máis de 35 M€ a fronte a eventuais asolagamentos en toda a comunidade
Resalta que hai identificados “566 quilómetros de ríos vulnerables”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe os máis de 6,3 millóns de euros que o Goberno autonómico destina a actuacións para reducir o risco de inundacións en Carballo. Salientou que estas obras van supoñer “un antes e un despois” e unha mellora “significativa” da seguridade nunha vila afectada en varias ocasións polo asolagamento do río Anllóns.
Durante unha visita a algunha das obras rematadas e unha das actuacións en marcha nesta localidade, acompañado pola conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, indicou que neste caso hai 5 actuacións repartidas por todo o concello, das cales 3 xa están rematadas e outras 2 están en marcha.
Estas obras, establecidas no acordo de colaboración entre o Concello de Carballo e Augas de Galicia, enmárcanse no Plan de xestión do risco de inundación da demarcación Galicia-Costa 2021-2027, e son un bo exemplo das actuacións impulsadas pola Xunta para garantir a seguridade cidadá e o reforzo das infraestruturas hidráulicas fronte a eventos adversos e eventuais asolagamentos, un capítulo ao que só este ano “destinará máis de 35 millóns de euros”, segundo indicou Rueda.
O xefe do executivo galego reivindicou o balance positivo deste Plan e puxo en valor as actuacións realizadas até o momento mantendo o compromiso da Xunta coas áreas máis sensibles a episodios de chuvia extremos e os seus efectos na Comunidade.
Do mesmo xeito, Rueda avanzou o traballo paralelo que se está a desenvolver para o deseño e concreción do novo Plan para o período 2028-2033. Neste senso, o presidente lembrou que este luns o Consello analizou un informe no que se detallaban as características do futuro plan, incluíndo a identificación “de preto de 566 quilómetros vulnerables” nos ríos de Galicia-Costa e a aposta por incorporar as proxeccións climáticas para mellorar a predición de eventos extremos. Nesta liña lembrou ter en conta as consecuencias do cambio climático coma que “agora as inundacións xa non se concentran en outono” ou que hai episodios de choivas fortes e “repentinas”.
Actuacións en Carballo
As actuacións realizadas en Carballo inclúen un bypass na zona de Muíño de Quinto; a remodelación integral do parque de San Martiño, incluíndo a construción de cotas de protección fronte ás avenidas; a demolición de edificación, remodelación de ponte e creación dunha canle de augas altas na rúa Sol; a demolición da ponte sita na rúa Fomento; e a mellora hidráulica do río Anllóns polo seu paso polo enlace entre a AG-55 e a AC-552.
Respecto do seu estado, tanto o bypass como a remodelación do parque de San Martiño xa están rematadas, ao igual que a demolición da edificación na rúa Sol. A intervención na rúa Fomento atópase executada ao 70% e, segundo as estimacións, estará rematada a mediados da primavera. Por último, a mellora hidráulica do río Anllóns está xa adxudicada e pendente de inicio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.