
O Entroido é o protagonista da última semana de febreiro en Carballo, pero a axenda tamén agocha unha cita coa mellor fotografía grazas ao 18º Premio de Creación Fotográfica Luís Ksado. Este galardón ten como obxectivo a difusión das artes da imaxe e, nomeadamente da fotografía, coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativos neste campo como foi o propio Luís Ksado.
O Pazo da Cultura acolle a partir do mércores 26 de febreiro unha mostra das obras premiadas na 18º edición deste galardón organizado pola Deputación da Coruña e que constitúe todo un referente no eido da imaxe. Este ano a serie “Alén” de Vicente Fraga, foi a gañadora do certame. Nela coñecemos a Galicia rural máis esquecida, en proceso de desaparición. Paisaxes suxestivos, interiores marcados polo paso do tempo, retratos onde ollamos a memoria. Imaxes realizadas dende un punto de vista formal moi sobrio: documentalismo lírico da Galicia que se nos vai.
Mención de honor mereceu o proxecto “Nordés” presentado polo foto xornalista Miguel Muñiz, que afrontou o reto conseguir retratar o vento do nordés. Cunhas imaxes intensas, densas, percibimos este fenómeno meteorolóxico. E si, nunha imaxe fixa pode percibirse o vento.
Finalistas foron Bernat Armangue, foto xornalista da axencia Associated Press, que presenta imaxes do terremoto de Turquía no que o drama é o protagonista; Ánge-les Aldariz que nos amosa aos pescadores do Senegal na serie “Fin de la Faena”; Ma-ría Yáñez que na serie “Aquén” presenta un xeito poético de achegarse á morte; e unha mirada crítica ás consecuencias da sociedade do consumo é o que reflicte a serie “Usar e tirar” de Antonio Pérez.
Está previsto que o mércores 5 de marzo (ía ter lugar o 26 de febreiro pero tivo que aprazarse) o fotógrafo e membro da Real Academia de Belas Artes, Xurxo Lobato, que é ademais comisario da exposición, ofreza unha visita guiada. Será a partir das 19.30 horas no propio espazo da mostra, a sala de exposicións Alberto Gende do 3º andar do Pazo da Cultura. Ademais, quen queiran visitar a exposición noutro momento, poden facelo de luns a sábado de 17.00 a 21.00 horas até o 18 de marzo.
Entroido
E xa a partir do venres 28 de febreiro, Carballo vestirá un ano máis o disfrace do Entroido con multitude de actividades. Hai que lembrar que o mércores 26 de febreiro remata o prazo para anotarse no Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas nas categorías de comparsas e carrozas; e que o domingo 2 de marzo remata o prazo para as categorías de disfraces de grupos, por parellas e individuais.
Respecto do programa, entre o 28 de febreiro e o 9 de marzo haberá espectáculos de rúa, festas, desfiles, bailes, obradoiros, pasarrúas… E tres citas que cada ano congregan a miles de persoas: o Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, a Festa Infantil de Entroido e o Enterro da Sardiña.
Este ano o Concurso, no que habitualmente participan máis de medio millar de persoas, terá lugar o domingo 2 de marzo. Presentado pola actriz Isabel Risco, comeza ás 18.00 horas e durante o baile posterior, ás 20.30 horas co Grupo La Bamba, farase a entrega dos premios. Precisamente, neste 2025 increméntase de novo a contía en máis de 1.000 euros para chegar a superar os 10.000. Hay que subliñar que os importes que máis aumentan son os destinados á categoría de carrozas, xa que as axudas por participar chegan aos 300€ e o primeiro premio sube ata acadar os 1.000€, ademais de engadirse un terceiro premio de 350€.
Dos dez mil euros que repartirá o concurso, máis de 4.500 están destinados a gratificacións para premiar a participación na actividade. Os importes ascenden a 125€ para as comparsas infantís e a 125€ para as comparsas de adultos de menos de 25 membros, a 200€ para as de máis de 25 membros, e os xa mencionados 300€ para as carrozas. Concederanse un máximo de 20 gratificacións para os 20 primeiros inscritos. Ademais, está previsto repartir ata 17 premios e ata 1.000 euros en accésits.
Unha das citas que a cativada agarda cada ano é a Festa Infantil que se celebra o Luns de Entroido. Neste caso é o 3 de marzo de 18.00 a 19.30 horas e contará con música de picadiscos, xogos e animación. E outra das actividades que xa é tradicional é o Enterro da Sardiña, neste caso o martes 4 de marzo a partir das 19.00 horas. Contará coa colaboración da Aula de Teatro Municipal de Carballo que dirixe Galeatro. A comitiva do cortexo fúnebre sairá da Praza do Concello e continuará ata o Parque do Anllóns, onde a sardiña acaba no río. Colaboran na cita os servizos municipais de Policía Local e Protección Civil, así como a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.
O programa contará tamén con moita animación nas rúas xa dende o primeiro día. Así, o venres 28 de febreiro Circo Krasnovarak visitará a Praza do Concello a partir das 18.30 horas co seu espectáculo no que hai xigantes, xirafas, elefantes e mesmo monicreques. Os pasarrúas terán presenza o 2 de marzo, día do Concurso de disfraces, o Luns 3, día da Festa Infantil e tamén o martes 4 durante o Enterro da Sardiña: correrán a cargo das charangas ACDC (Atlantic Club Domestic Charanga) e de Santa Compaña.
A programación inclúe tamén dous obradoiros para familias que requiren de inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa, lugar onde se desenvolverán a partir das 11.00 horas o luns 3 e o martes 4 de marzo. O luns terá lugar un Obradoiro de sombreiros tradicionais de Entroido organizado pola AC Escola do Alprende de Carballo; e o martes un Obradoiro de Máscaras de Peliqueiro. O programa péchase o domingo 9 de marzo coa Corrida do Entroido, que percorre a feira e rúas de Carballo. Organizada pola AC Escola do Alprende, a cita está patrocinada pola Concellaría de Cultura.
A este completo programa hai que sumarlle as actividades que se desenvolven en diferentes barrios e parroquias de Carballo: co Renacemento do Chorón na Milagrosa o venres 28 de febreiro e o sábado 1 de marzo; con festas do cocido en Sofán e Entrecruces o sábado de Entroido; coaa festa de Entroido con concurso de sobremesas típicas o sábado de piñata en Bértoa; ou co Festival de Entroido de Cances e o Cocido de Entroido en Bértoa o 15 e 22 de marzo, respectivamente.
Citas para todos os públicos e para todas as idades durante unha semana intensa na que o espírito de Don Carnal estará presente en cada recuncho da vila. Organiza o programa a Concellaría de Cultura coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade, da Concellaría de Bibliotecas, da Concellaría de Asociacións Veciñais, da Brigada Municipal de Obras, dos servizos de Policía Local e Protección Civil e da Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.