Monday 10 de March de 2025

‘Bergondo en feminino’ chega á sexta edición cunha acción formativa dirixida a docentes


· O xoves 13 de marzo levará a cabo un taller en liña para o profesorado de Bergondo e outros municipios, co obxectivo de integrar nas aulas o traballo realizado.

· A inscrición xa está aberta a través dun formulario habilitado na web municipal.

· Este programa busca rescatar a historia de bergondesas pioneiras que batallaron para abrir o camiño para gozar da sociedade que temos hoxe en día.

O programa ’Bergondo en feminino’, impulsado desde a concellería de Servizos Sociais do Concello para a visibilización das mulleres do municipio, chega neste 2025 á súa sexta edición, na que centrará os seus esforzos na difusión e implicación doutros axentes sociais nesta liña de traballo, dando a coñecer os recursos xerados e apoiando a súa aplicación en diferentes contextos.

Entre as accións previstas para este 2025 inclúese un taller en liña dirixido a docentes de Bergondo e outros municipios, que se celebrará o xoves 13 de marzo de 17 a 19 horas. Nesta sesión presentaranse os diferentes materiais didácticos xerados por esta liña de traballo ao longo dos anos e exploraranse en colectivo as posibilidades para integrar o traballo de visibilización da historia das mulleres nas aulas.

Está dirixido a profesorado de todos os niveis educativos e as inscricións para participar nesta actividade xa están abertas a través do seguinte formulario de inscrición habilitado na web municipal: https://docs.google.com/forms/d/19-g2t0bt1glpJRVSu2MBIsR6mrmK0w_IrMKP4hLBDMs/preview

Outras actividades

Ademais, na dimensión do mundo educativo, nos meses de abril e maio levarán a cabo roteiros e talleres de sensibilización en materia de xénero co alumnado de Educación Secundaria do CPI Cruz do Sar.

O proxecto contempla tamén o achegamento da liña de traballo a outros sectores como o económico, cultural ou turístico, a través de espazos de presentación e diálogo a diversos axentes da administración e o tecido empresarial.

En paralelo está a prepararse o acto final do proxecto nesta edición, do que pronto se darán a coñecer novos detalles.

Bergondo en feminino

Esta iniciativa foi premiada a finais de 2023 pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero no VII Concurso de boas prácticas locais contra a violencia sobre as mulleres.

Creado en 2019, o seu obxectivo é rescatar a historia de bergondesas pioneiras, e en moitos casos esquecidas, que batallaron para abrir o camiño para gozar da sociedade que temos hoxe en día.

Entre as iniciativas desenvolvidas baixo o paraugas deste programa, está o renombramiento de sete centros sociais do Concello con nomes de veciñas ilustres, a realización de roteiros centrados na vida das homenaxeadas, ou a elaboración dun mapa virtual interactivo poñendo en valor a vida de 15 bergondesas.

Deja un comentario