Monday 10 de March de 2025

Neda celebrará o martes de entroido cunha festa infantil e coa queima do meco


O Concello de Neda completa a programación de lecer do Entroido 2025, que arrinca este venres co festival de comparsas, cunha gran Festa Infantil e coa tradicional queima do meco. Estas dúas propostas chegarán o martes 4 de marzo, xornada festiva no municipio.

Os máis pequenos da casa volverán ser protagonistas das celebracións e contarán cunha cita específica, deseñada para que desfruten ao máximo destes días non lectivos. O encontro, cunha chea de actividades e entrada libre, celebrarase no pavillón municipal Ale de Paz.

A partir das 17 horas o espazo deportivo abrirá as súas portas para recibir ás familias. E os nenos e nenas, ataviados cos seus disfraces, poderán desfrutar de distintos inchables, do espectáculo de cantabaila e máis obradoiros de maquillaxe e de chapas. Todo de balde.

A partir das 19:30 horas, e animado por Retumbatuke Percusión, está previsto a saída do desfile de disfraces dende o pavillón ata Os Subarreiros. E neste punto, tras a lectura do testamento, a cargo do alumnado da escola municipal de teatro infantil, terá lugar a queima do meco, que volverá ser unha creación do artista local Carlos García.

Con todo, non será o punto final das festas en Neda. De feito, o domingo 9 de marzo terá lugar, de novo no pavillón municipal, o Cocido interxeracional do Entroido e, finalmente, o venres 14, o centro cívico acollerá a merenda-baile dos maiores. O prazo para inscribirse nestas actividade está aberto na oficina dos Servizos Sociais.

Deja un comentario