
Inés Rey: “Ibrahima e Magatte, altruismo puro, contan co agradecemento eterno da Coruña, ficando xa na súa historia e simbolizando tamén unha proposta de convivencia e futuro”
Diack e N’Diaye, acompañados hoxe por parte da comunidade senegalesa da cidade, súmanse á lista de figuras recoñecidas ao longo das últimas décadas pola súa contribución á cidade e á sociedade
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, fixo entrega hoxe das placas conmemorativas que recoñecen a Ibrahima Diack e Magatte N’Diaye como Fillos Adoptivos da Coruña, pola súa valentía e altruísmo no auxilio prestado a Samuel Luiz, vítima dun crime homófobo perpetrado na avenida de Bos Aires o 3 de xullo de 2021.
O acto, celebrado esta tarde no Palacio Municipal de María Pita, foi convocado para honrar a memoria de Samuel Luiz e para destacar o exemplo de solidariedade e valores manifestados por Diack e N’Diaye, que acudiron en axuda da vítima. Durante a súa intervención, a rexedora enfatizou a importancia de distinguir entre “a falsa valentía do agresor e a honrosa valentía do solidario”, lembrando que “A Coruña amosou en moitísimas ocasións ser unha cidade valente”. Ademais, Rey subliñou que “non ten cabida a violencia nin a homofobia na nosa sociedade”, recordando un caso que consternou ao país enteiro pola súa crueldade: “Daquel inferno que aínda nos doe como cidade xurdiron dúas figuras admirables, que aquí estamos a homenaxear. Durante a malleira mortal, só un par de persoas acudiron en axuda da vítima. Foron, ademais, os que máis tiñan que perder con esa actuación. Pero non dubidaron en xogarse o corpo. Foron os senegaleses Ibrahima Diack e Magatte N’diaye, que exhibiron a valentía da solidariedade, presentáronse na axuda de Samuel, mesmo recibindo algún golpe, e ademais intentaron auxilialo cando xa estaba no chan”, recordou a alcaldesa.
A actuación de Ibrahima e Magatte foi calificada pola rexedora como “altruismo puro”, posto que a pesar de atoparse nunha situación administrativa irregular, ningún dos dous dubidou en auxiliar a Samuel Luiz ante o episodio de violencia extrema que supuxo o asasinato de Samuel. “Ibrahima e Magatte contan co agradecemento eterno da Coruña, ficando xa na súa historia e simbolizando tamén unha proposta de convivencia e futuro”, agregou Rey, quen volveu lembrar que foron eles os únicos que se achegaron a axudar a Samuel Luiz: “Hoxe reúnenos aquí unha palabra, imprescindible para a convivencia e, sobre todo, para o progreso, refírome, xa a citei, a ‘solidariedade’. Hoxe, dun contexto espantoso rescatamos valores do apoio mutuo e humanismo, que na Coruña adoptaron en xullo de 2021 unha faciana local e á vez universal. A de Ibrahima Diack y Magatte N’Diaye”, dixo a alcaldesa.
Ibrahima e Magatte súmanse como Fillos Adoptivos ao recente recoñecemento feito a José Antonio Villamor e Rodrigo Maseda, dous dos tres policías nacionais coñecidos como os ‘Heroes do Orzán’. O terceiro dos axentes falecidos, Javier López López, foi recoñecido como Fillo Predilecto ao ser natural da cidade.
O acto desta tarde contou coa presenza de diversas autoridades, representantes de entidades sociais e membros da comunidade senegalesa da cidade, consolidándose como unha oportunidade para reafirmar o compromiso do Concello coa integración e o respeto pola diversidade.
A este respecto, Inés Rey subliñou a importancia que ten o terceio sector na integración das e dos migrantes que chegan á cidade, onde as ONG’s sociais desenvolven un notable traballo de cooperación e asistencia social.
A alcaldesa concluíu cunha mensaxe de gratitude cara a todos e todas as asistentes, sinalando que o nomeamento de Ibrahima e Magatte como Fillos Adoptivos da Coruña simboliza a unión e o futuro de convivencia, deixando unha pegada imborrable na historia da cidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.