
Alumnado do CEIP Plurilingüe Ramón de Artaza e do IES As Insuas participa estes días nunha iniciativa na que colabora a Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia e que busca promocionar entre os máis novos o itinerario cultural europeo Vía Querinissima
Alumnado dos centros muradáns CEIP Plurilingüe Ramón de Artaza e IES As Insuas participa estes días no concurso escolar internacional “Draw your Map”, unha iniciativa que busca promocionar entre os máis novos o itinerario cultural europeo Vía Querinissima. Unha iniciativa promovida pola Asociación Internacional Vía Querinissima, na que está integrada a Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia.
Rapaces e rapazas de idades comprendidas entre os 9 e os 14 anos (4º e 5º de Educación Primaria e de 1º e 2º de ESO) están a traballar na elaboración dun mapa que reflicta a ruta emprendida polo mariño e comerciante Pietro Querini no século XV. Un percorrido que o levou a Muros o 26 de outubro de 1431 e despois a Compostela, converténdose nunha das máis antigas peregrinacións documentadas do Camiño da Ría de Muros Noia.
O seu primeiro contacto con esta viaxe foi durante a primeira sesión dun obradoiro no que, ademais de facer un percorrido pola Vía Querinissima e a súa orixe, descubriron as relacións de colaboración institucional xurdidas arredor deste itinerario. Unhas relacións que puideron coñecer da man da alcaldesa de Muros, María Lago, que se achegou ata o CEIP Plurilingüe Ramón de Artaza para explicarlles o papel do seu concello neste proxecto.
Desde ambos os dous centros escolares muradáns destacan a boa acollida que está a ter a iniciativa entre o alumnado, que amosa un gran interese por esta viaxe marítima do coñecido navegante veneciano e moitas ganas de expoñer os seus proxectos.
Concurso escolar “Draw your map”
Neste certame “Draw your map” cada unha das clases participantes deberá debuxar un mapa para representar a historia de Querini e da súa viaxe. A técnica é libre, polo que poden empregar os recursos e métodos creativos que desexen.
O resultado final será unha representación gráfica dunha zona xeográfica que corresponda co percorrido realizado polo mariñeiro e comerciante italiano. Así, debe ser representativo da súa historia, aínda que o proxecto pode recoller toda a viaxe ou unicamente unha parte.
Entre todos os traballos recibidos, un comité da Asociación Via Querinissima seleccionará ao gañador, que recibirá un premio. Así mesmo, xunto cos demais proxectos presentados, formará parte dunha exposición paralela que se instalará nas oficinas da asociación en cada zona implicada.
Vía Querinissima: descubrindo a Europa medieval
A Asociación Internacional Vía Querinissima é unha entidade cultural sen fins de lucro constituída tras unha década de traballo, primeiro cun acordo entre as localidades de Rost (Noruega) e Sandrigo (Italia), e despois cun convenio de cooperación cultural e económica entre as rexións de Nordland e Véneto. Unha iniciativa que aspira a obter a certificación do Consello de Europa como ruta cultural internacional. A asociación está integrada tanto por organismos públicos e privados de Italia, Noruega, Suecia, España e Grecia.
A Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia é un destes organismos, pois durante o seu percorrido Querini recalou en Muros coa intención de dirixirse a Santiago de Compostela para pedirlle ao Apóstolo axuda na súa aventura. Unha peregrinación cuxo dossier está gardado na Biblioteca Vaticana e que se complementa cos relatos dos oficiais do navegante veneciano, Nicoló de Michiele e Cristoforo Fioravante, que se conservan na Biblioteca Nacional de Venecia.
O Concello de Muros forma parte do itinerario impulsado pola asociación, denominado Vía Querinissima, que inclúe dúas rutas: unha por mar (a primeira parte da viaxe de Pietro Querini que acabou en naufraxio e que pasou por Muros) e outra por terra (cando retornou a Venecia).
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.