
O polideportivo Pilar Barreiro Senra acollerá unha festa con obradoiros de Entroido, animación musical, inchables e degustación de chocolate con churros, orellas e filloas para os máis cativos
O Concello de Lousame vén de abrir as inscricións para participar no seu Festival de Entroido, que terá lugar este domingo 2 de marzo, de 17:00 a 19:00 horas, no polideportivo municipal Pilar Barreiro Senra. Os veciños e veciñas empadroados en Lousame poderán anotarse totalmente de balde ata o mércores 26 de febreiro en bandoticket.com. O xoves 27 de febreiro abrirase o prazo de anotación para persoas doutros municipios.
No polideportivo municipal haberá obradoiros de Entroido, xogos variados e inchables para os máis pequenos da casa, así como degustación gratuíta de orellas, filloas e chocolate con churros para a cativada. Ademais, toda a rapazada que veña disfrazada recibirá unhas lambonadas de agasallo. A participación é de balde, se ben por motivos de loxística é preciso anotarse en bandoticket.com antes do sábado 1 de marzo.
Un ano máis, o Concello de Lousame non celebrará concurso de disfraces, que será substituído por un divertido desfile de disfraces para que “sexa unha actividade familiar, onde a xente participe e desfrute da festa sen ter que andar pendentes dos premios nin de ter que gastar moitos cartos no disfrace”, apunta Silvia Agrafojo, concelleira de Cultura.
Para facilitar o acceso, empregarase o mesmo sistema ca no Festival de Reis: dirección única de entrada pola Fonte do Redullo e saída polo CPI Cernadas de Castro. Así, os pequenos poden quedar na festa mentres a persoa adulta aparca nunha das zonas dispoñibles na contorna.
Concerto de Entroido
Un día antes, o sábado 1 de marzo, a Casa da Cultura de Lousame acollerá un Concerto de Entroido, organizado pola Asociación Cultural Prudencio Romo, a Escola Municipal de Música de Lousame e o Concello de Lousame. A actuación terá lugar a partir das 18:00 horas e a asistencia é totalmente libre e de balde.
O repertorio será moi variado e para todos os gustos, dende pezas de Nino Bravo e cancións tradicionais como “Maruxiña”, ata seleccións de boleiros e temas latinos. Ademais, todos os músicos e alumnos acudirán disfrazados, xa que o disfrace máis orixinal recibirá un premio.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.