Monday 10 de March de 2025

O Concello avanza na licitación de Nostián ao chegar a un acordo co Consorcio das Mariñas, que seguirá a ser cliente preferente


O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou hoxe de que o Concello asumirá en solitario a xestión da planta, despois de que o Consorcio das Mariñas comunicase á Coruña que opta por esta vía

O Consorcio das Mariñas confirma que seguirá sendo cliente de Nostián e pagará 1 euros menos por tonelada da tarifa que estableza Sogama

A redacción dos pregos do novo contrato de recollida de lixo sairá a licitación este ano

A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe a folla de ruta prevista polo Goberno de Inés Rey para captar 12 millóns na nova convocatoria de fondos europeos, á que se presentan intervencións nos Mallos e Sagrada Familia

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, adiantou hoxe que a licitación da nova concesión para o tratamento de residuos en Nostián farase efectiva no segundo semestre deste ano.
Así o expuxo esta mañá o voceiro do Goberno municipal tras informar de que o Consorcio das Mariñas comunicou ao Concello que os municipios que o integran optan porque sexa o Concello da Coruña en solitario o que asuma a xestión de Nostián, un feito relevante para proceder á licitación da planta. “Desta forma xa podemos remitir á Oficina Nacional de Evaluación (ONE) os pregos do contrato e, en canto o organismo de supervisión os remita de volta, este Concello, de xeito inmediato, procederá á licitación do servizo”, concretou Lage. Os pregos xa foron remitidos ao organismo de supervisión.
O concelleiro e veceiro municipal detallou polo miúdo esta información na rolda de prensa que tivo lugar esta mañá en María Pita, tras unha Xunta de Goberno Local extraordinaria na que se deu aconta hoxe da renovación do convenio entre Albada-Urbaser e o Consorcio, que establece que ata o ano 2027 a tarifa que pagará o Consorcio por empregar a planta de Nostián será un euro inferior por tonelada á que estableza Sogama. O Consorcio, desta forma, mantén o seu compromiso co uso da planta coruñesa como medio para tratar os seus residuos.

O Concello recibirá máis de 8 millóns de Urbaser en compensacións por sobrecustos

Na XGL tamén que se deu luz verde a un acordo con Urbaser para dar por finalizado o litixio mantido coa concesionaria de Nostián a consecuencia da anulación xudicial dos acordos do 2011.

Lage lembrou que, en novembro de 2023, o Concello iniciou o procedemento administrativo para reclamarlle a Albada, concesionaria da planta de residuos de Nostián, a cantidade correspondente ao sobrecusto de xestión dos residuos entre os anos 2011 e 2018. Esta contía foi asumida polo Concello, mais tal e como sentenciou o Tribunal Superior de Xustiza, o custo de tratamento dos residuos rexeitados debía ser asumido pola concesionaria.

A este respecto, o Concello chegou a un acordo transaccional con Urbaser, coa que se negociou para poñer fin á vía xudicial e que reintegre 8,3 millóns ao Concello, recoñecendo así seu dereito a compensación.
“Este acordo extraxudicial, que será remitido ao xulgado para a súa homologación, é moi relevante porque evita máis demoras nunha cuestión enquistada desde hai case quince anos e na que, ademais, a xustiza recoñeceu os intereses municipais, o que nos permitirá recuperar máis de 8 millóns para as arcas do Concello, cartos que poderemos destinar a sufragar outros servizos e melloras necesarias na cidade. Deste xeito, evitamos tamén a posibilidade de perder ditos ingresos se prosegue o procedemento xudicial e conclúe cun faio en contra dos intereses do Concello”, razoou Lage.
Licitación, en 2025, dos novos pregos do contrato da recollida do lixo
O voceiro do Goberno municipal tamén informou este luns que o Concello deberá sacar a licitación a redacción dos pregos para o novo contrato da recollida do lixo, despois de que hoxe a Xunta de Goberno Local aprobase declarar deserto o anterior concurso.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia sentenciou en xuño de 2023 que o contrato adxudicado a Prezero —en base á licitación posta en marcha no mandato 2015-2019— non cumpría as condicións do concurso. Quedaba por determinar si sería posible que a seguinte empresa que se presentou ao concurso asumira o servizo ou se era preciso licitar de novo.

Lage precisou que os informes técnicos do Concello —seguindo o criterio xudicial— indican que a outra empresa que concorreu tampouco cumpría as condicións esixidas. Por este motivo, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe que o contrato quede deserto “e, polo tanto, poñemos en marcha a nova licitación, adecuando os pregos de tal forma que o servizo sexa o máis eficiente posible”. A redacción dos novos pregos licitarase este mesmo ano.

Os Mallos e a Sagrada Familia, protagonistas nos plans de futuro do Concello

Noutra orde de asuntos, Lage informou esta mañá de que o Goberno de Inés Rey presentarase á vindeira convocatoria de fondos europeos coa intención de captar 12 millóns de euros que na súa meirande parte irían destinados a acometer máis melloras nos barrios, con especial fincapé nos Mallos e a Sagrada Familia.
“Estamos a ver avances palpables nas obras de construción da estación intermodal, tamén na súa contorna, onde continúan os traballos na avenida da Sardiñeira e a súa nova conexión coa avenida de Arteixo e Vioño. Son actuacións necesarias para mellorar e facer máis fluida a mobilidade nunha das principais vías de acceso á cidade, mais entendemos que a nosa planificación debe ir moito máis alá, a medio e longo prazo, pensando en renovar e modernizar os espazos públicos dos Mallos e a Sagrada Familia, dous barrios onde a intermodal terá un efecto tractor importante, que debe traducirse tamén nunha mellora da calidade de vida das e dos veciños, mais que precisan un pulo complementario pola súa propia estrutura urbana e pola necesidade de gañar máis espazos públicos de calidade”, explicou.

Lage lembrou que o Concello vén interactuando coa veciñanza do distrito nos últimos meses para amosar as liñas estratéxicas previstas de cara ao futuro e tamén poñendo sobre a mesa actuacións e medidas tanxibles, “unha folla de ruta que expuxemos a semana pasada no Foro Urbano celebrado no centro cívico dos Mallos”. “O noso obxectivo é traballar cunha perspectiva de 360 graos que nos permita renovar, ampliar e mellorar equipamentos públicos do distrito, dinamizar Os Mallos e a Sagrada en termos socioeconómicos e tamén adaptar as súas rúas e espazos públicos ás súas necesidades de presente e futuro. Todo isto, facilitando a súa integración no conxunto da cidade e preservando tamén a súa identidade. O corazón da Coruña está nos seus barrios e cada un deles ten a súa historia, a súa evolución urbanística, demográfica, cultural e social particular. E isto será fundamental no plan de traballo que temos predefinido”.

Entre as intervencións de mellora coas que o Concello concurrirá á nova convocatoria de fondos europeos están as actuacións na avenida do Ferrocarril para modernizala e adaptala, creando espazos peonís e percorridos máis seguros a carón dos centros educativos, dándolle unha sintonía coas melloras que estamos a executar ao longo da Sardiñeira, por exemplo. A isto engadirase outra actuación para mellorar a conectividade peonil coa intermodal, reformando a pasarela elevada que sobrevoa Alfonso Molina. “O obxectivo é mellorar a seguridade e pavimentos da estrutura, reforzando a súa seguridade universal”, precisou Lage.

Tamén se incluirá nesta convocatoria a segunda fase de reurbanización da rúa Sagrada Familia ao longo de Antonio Carballo, unha medida que forma parte do plan para estender a Rolda Peonil en dirección á Agra do Orzán, chegando así á súa principal arteria comercial, a rúa Barcelona. As obras correspondentes ao primeiro treito da rúa Sagrada Familia xa foron adxudicadas en decembro, “polo que proximamente estarán en marcha”, apuntou o voceiro do Goberno municipal.
Lage recalcou que tamén está sobre a mesa a creación dun novo corredor ecolóxico ao longo da rúa San Xaime, que cortaría en perpendicular a Rolda Peonil e conectaría os parques de Vioño e Santa Margarida. Tal e como se informou días atrás, esta iniciativa levarase á nova convocatoria de fondos da Fundación Biodiversidade.

Volvendo ao proxecto de intervencións que se presentarán a fondos europeos, o Concello tamén buscará dispor de máis financiación para reformar o centro cívico dos Mallos, crear máis dependencias na Biblioteca da Sagrada Familia —que xa se está a ampliar—, rehabilitar o mercado e centro asociativo de Ramón Cabanillas e modernizar o centro social da Sagrada Familia. Tamén se concurrirá para obter fondos que permitan remodelar a pista multideporte da Nosa Señora de Fátima e rehabilitar o pavillón polideportivo municipal da Sagrada Familia, que dá servizo ao colexio.

Ademais, tamén se plantexan outras dúas actuacións en materia de humanización e peonalización nas rúas Vizcaya e Antonio Viñes.
“A isto sumaremos a creación dunha das Oficinas Municipais de Atención Cidadá que incluímos nos orzamentos municipais deste ano. Haberá dependencias deste tipo en cada distrito da cidade, tamén na Sagrada Familia, oficina na que implantaremos Intelixencia Artificial para axilizar así as consultas, suxerencias e reclamacións da veciñanza”.

Máis fondos para facilitar a inserción sociolaboral de persoas e colectivos vulnerables
Lage explicou hoxe que “estas medidas son só unha parte tanxible de todo o que entendemos necesario para Os Mallos e a Sagrada Familia. Hai outras cuestións tan importantes como estas para mellorar a calidade de vida e o benestar xeral das e dos veciños, como a inserción sociolaboral.
Barrios como Os Mallos e a Sagrada son dous dos distritos nos que se desenvolverá o programa Éfeso, dotado con 3,3 millóns de euros e que nos permitirá formar a 705 persoas desempregadas ata o ano 2026. Non só nestes dous barrios, tamén en Labañou.
“Con esta medida amosamos o noso compromiso coa creación de emprego e a mellora da cohesión social na cidade, contribuíndo a revitalizar barrios onde a inserción sociolaboral e o fomento da empregabilidade son especialmente necesarias”, incidiu Lage.

Recuperar e conservar a memoria física e oral das rúas da Coruña

A este amplo abano de medidas, o Concello prevé sumar un piar máis en termos socioculturais, “porque o Concello tamén traballará para coidar e poñer en valor a identidade dos barrios e a súa historia”, indicou Lage.
Como xa informou días atrás a alcaldesa, Inés Rey, no Foro Urbano celebrado no centro cívico dos Mallos, o Concello solicitará fondos para apostar por ferramentas dixitais que nos permitan percorrer e recoñecer a memoria dos barrios e as rúas da Coruña, coa instalación de placas con códigos QR que incluirán un testimonio e lembranzas de cada unha delas.

“É unha proposta que levaremos a cabo implicando ás veciñas e veciños, a través de talleres interxeracionais cos que queremos escoitar á cidadanía e tamén facela partícipe dun programa que axude a fomentar o sentimento de pertenza á Coruña e a cada un dos nosos barrios”, abundou Lage na rolda de prensa desta mañá.

Deja un comentario