
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a creación da comisión de estudo para analizar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo, unha proposta que terá que ser agora ratificada polo Pleno. Dela formarán parte representantes de todos os grupos da Corporación, así como persoal técnico municipal.
A comisión de estudo para analizar a forma máis sustentable e eficiente de xestionar os aparcadoiros da Praza de Galicia e da Praza de Vigo estará presidida pola alcaldesa, ou integrante da Corporación na que delegue; e formarán parte dela representantes de todos os grupos municipais, na mesma proporción que as Comisións Plenarias e con voto ponderado. Tamén formarán parte da comisión, con voz pero sen voto, o secretario xeral do Pleno, a dirección da Asesoría Xurídica, o interventor municipal, o xerente de Tussa e a directora da Área de Sustentabilidade e Servizos Básicos. Unha vez constituída a comisión, poderáse acordar requirir o asesoramento técnico que se considere, tanto de persoal municipal como externo, para elaborar unha memoria que xustifique a decisión sobre a mellor forma de xestión dos aparcadoiros. Finalmente, será o Pleno Municipal quen defina ese modelo de xestión.
Tal e como lembrou a portavoz do Goberno, Miriam Louzao, “a vontade do executivo municipal é asumir a xestión directa tanto do aparcamento da Praza de Galicia, que finaliza a concesión o 30 de xuño deste ano, como do da Praza de Vigo, con contrato de concesión ata outubro de 2026”. A concelleira explicou que, con este obxectivo, “xa se veñen realizando traballos previos á creación da comisión”. Neste sentido, explicou que xa se tén recabado numerosa documentación que tén que achegar a empresa concesionaria do aparcadoiro da Praza de Galicia, tanto relativa ao persoal como ao inventario actualizado das instalacións. Nese sentido, o concelleiro de Mobilidade apuntou que “o obxectivo é rematar os trámites canto antes, e por iso se ven realizando un importante traballo previo á creación da comisión”.
Xan Duro insistiu en que “á espera das decisións que adopte a Comisión, o Goberno mantén o obxectivo de asumir a xestión directa dos dous aparcadoiros para impulsar políticas públicas no eido da mobilidade”. Nese sentido, o concelleiro apuntou que “cunha concesión a 50 anos como a que temos na actualidade, o Concello non tén ningunha marxe de manobra sobre as instalacións, que cunha xestión directa sí poderían ser utilizadas para poñer en marcha diferentes medidas en favor dos residentes ou do tecido comercial”.
Subvencións estatais ao transporte urbano
Tamén en materia de mobilidade, a Xunta de Goberno acordou solicitar a prórroga das axudas estatais ao transporte colectivo urbano de viaxeiros, en virtude do Real Decreto Lei 1/2025 do 28 de xaneiro. Trátase da subvención que quedara suspendida a comezos de ano polo atraso na aprobación do coñecido como “decreto ómnibus” no Congreso. Tal e como se recolle no Real Decreto Lei, as axudas prolongaránse ata o 30 de xuño nas actuais condicións que permiten rebaixar á metade o prezo dos abonos multiviaxe grazas á subvención estatal do 30% e á axuda municipal complementaria do 20%.
Desta maneira, ata o 30 de xuño manteranse os prezos actuais dos abonos: 0,30 euros a viaxe co bono ordinario; 0,20 euros a viaxe co bono escolar; e 13 euros o bono mensual.
Ao tempo, a Xunta de Goberno aprobou solicitar as axudas estatais ao transporte urbano para o segundo semestre do ano, que mudan as actuais condicións. Así, tal e como se recolle no Real Decreto Lei, prevese a gratuidade dos abonos para a poboación infantil ata os 14 anos, un desconto do 50% para as persoas usuarias de 14 a 18 anos; e un desconto o 20% no resto dos abonos, que será completado con outro 20% a cargo do Concello. Para efectivizar estas axudas, será preciso reconfigurar o tipo de abonos do transporte público de Santiago para diferenciar os abonos infantil (ata os 14 anos) e xuvenil (de 14 a 17 anos).
Por outra parte, a Xunta de Goberno aprobou a revisión de tarifas do aparcadoiro público de Romero Donallo. En virtude do contrato de concesión do aparcadoiro, os prezos actualizaránse segundo o IPC, é dicir, subirán un 2,8% con respecto á última revisión acordada en marzo de 2024.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.