
Entre o día 1 e o día 15 de marzo, ambos incluídos, estará aberto o prazo de reserva de praza na EIM A Rolada para o curso 2025/2026. Esta primeira quenda de solicitudes diríxese exclusivamente ás familias que xa teñen crianzas matriculadas este ano no centro e que, por iso, gozan de prioridade para a inscrición no curso que arrancará despois do verán. Para a incorporación de novas nenas e nenos en calquera das aulas -sempre que haxa prazas dispoñibles- abrirase un segundo período de solicitude do 16 ao 31 de marzo.
A escola conta con 38 prazas repartidas en 3 unidades: 0 a 1 ano, 1 a 2 anos e 2 a 3. A matrícula e a atención educativa son gratuítas, xa que están financiadas con fondos do Concello e cunha achega autonómica, mentres que para a opción de servizo de comedor as familias deberán aboar un prezo mensual de 78,10 €.
No centro sempre se abren dous períodos de inscrición ao longo do mes de marzo. O primeiro, do 1 ao 15, é o que se dirixe a aquelas familias que xa teñen criaturas matriculadas na escola, xa sexa na aula de 0 a 1 ou na de 1 a 2 anos, co obxectivo de que poidan ter continuidade no servizo. Unha circunstancia que, tal e como se recolle no regulamento de funcionamento, lles dá preferencia na asignación das prazas para o curso 2025/2026.
O segundo período de solicitude permanecerá aberto entre o 16 e o 31 de marzo, ambos días incluídos, para nenas ou nenos de novo ingreso na escola, aos que se lles adxudicarán as prazas non cubertas no procedemento de reserva.
As peticións, que en ambos casos serán revisadas e valoradas polo departamento de Igualdade, poderán presentarse presencialmente no Concello ou a través da Sede Electrónica municipal, onde estará dispoñible un procedemento específico con toda a información e a documentación que cumprirá presentar.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.