Monday 10 de March de 2025

Brión homenaxea a Rosalía ao ritmo das campás de Bastavales, coa voz de Esperanza Mara e lecturas de poemas da veciñanza


O alcalde Pablo Lago e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, realizaron a tradicional ofrenda floral á escritora

A Igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales acolleu esta fin de semana a tradicional ofrenda floral do Concello de Brión a Rosalía de Castro, que este ano incluíu o espectáculo artístico musical “Ao son das campás de Rosalía, con Esperanza Mara”. Unha actividade que reuniu a preto dun centro de persoas na tarde do pasado sábado.

Tras o repicar das famosas campás de Bastavales, a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, foi a encargada de dar a benvida aos presentes recitando uns versos de Rosalía e agradecer o traballo de todas as persoas que fixeron posible a programación especial do Mes de Rosalía no Concello de Brión. Ademais, referiuse ao debate sobre se realmente a poetisa chegou a escoitar estas campás: “hai quen asegura que o seu poema procede dun estribillo popular que a escritora recolleu. Outras persoas din que as coñeceu en Santiago, a través dos relatos dun sacerdote de Bastavales. Se me preguntades a min, eu penso que si que as escoitou cando era unha nena e pasaba días na casa que a súa familia tiña en Soigrexa, xusto aquí enfronte”.

Acto seguido, o alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, realizaron a tradicional ofrenda floral á escritora, á que se sumaron moitos de veciños e veciñas asistentes. Unhas persoas que foron tomando tamén a palabra para dar lectura a distintos fragmentos da obra rosaliana.

As lecturas deron paso á experiencia musical e artística da soprano noiesa Esperanza Mara, quen tocou diferentes campás ao tempo que cantou nove fragmentos de poemas de Rosalía de Castro, combinados con cores e datos que facían referencia ás emocións da escritora á hora de escribir esas pezas. Unha selección que culminou, como non podía ser doutro xeito, coa lectura de “Campanas de Bastavales”.

Deja un comentario