
O Pleno municipal convocado para o vindeiro martes 25 ten carácter de extraordinario, “o que na práctica vai impedir aos grupos da oposición exercer o seu labor de control e fiscalización da actividade do goberno local”, advirte o Bloque
O próximo martes, 25 de febreiro, está convocado un Pleno municipal do Concello de Oleiros con carácter de extraordinario, isto é, incluíndo só na orde de días aqueles puntos que determina a Alcaldía, mais non a chamada parte non resolutiva que sempre completa as sesións: aquela na que os distintos grupos municipais exercen o seu traballo de control e fiscalización da actividade do goberno local e formulan propostas ou impulsan debates sobre asuntos de interese político en forma de mocións.
Cabe lembrar que a Lei de bases de réxime local (LRBRL) determina no seu artigo 46 que os Concellos de máis de 20.000 habitantes deben celebrar unha sesión ordinaria do seu Pleno ao menos unha vez ao mes, algo que á vista da convocatoria do próximo martes este mes non acontecerá.
O BNG non dubida da importancia dos asuntos a aprobar no Pleno que se celebrará este día 25 nin da súa urxencia por unha cuestión de cumprimento de prazos legais, que sería o que motiva que a sesión plenaria se adiante dous días á súa data habitual: en Oleiros os Plenos celébranse os últimos xoves de cada mes porque así se acorda no chamado Pleno de organización, ao inicio do mandato. De feito, non é a primeira vez que algo así acontece.
O que o BNG de Oleiros non entende, e por tanto non comparte, é que ese carácter extraordinario do Pleno vaia impedir que os grupos poidan exercer as súas funcións de control e fiscalización da actividade do goberno, tal e como o mesmo artigo 46 da LRBRL, no seu apartado E, sinala con toda claridade. Para o BNG habería dúas alternativas posíbeis igualmente válidas: que á sesión extraordinaria do Pleno, o propio martes, seguise unha sesión ordinaria, fórmula que non é a primeira vez que se utiliza; ou que a sesión plenaria do martes, mantendo o seu carácter de extraordinaria, incluíse na orde do día un punto de mocións, rogos e preguntas, unha vía pola que o propio goberno municipal ten optado con toda normalidade noutras ocasións.
O BNG cre imprescindíbel que o Alcalde formalice de vez a constitución, e convoque xa sen máis dilación, a Xunta de Portavoces municipais, tal e como foi anunciado no pasado Pleno. Este organismo, que noutros concellos da contorna de Oleiros e de semellante peso poboacional funciona desde hai anos con total normalidade, debe ser o espazo de diálogo onde se poidan contrastar e consensuar entre a presidencia da corporación e os grupos municipais tanto a orde do día dos Plenos como os aspectos de organización para o seu desenvolvemento, procurando sempre que este sexa respectuoso, áxil, eficaz e resolutivo
Artigo 46 da LRBRL: naqueles concellos de máis de 20.000 habitantes os Plenos municipais celebrarán sesión ordinaria, como mínimo, unha vez ao mes. No apartado E do dito artigo sinálase, literalmente, que “a parte dedicada ao control dos demais órganos da Corporación deberá presentar substantividade propia e diferenciada da parte resolutiva, debéndose garantir de forma efectiva no seu funcionamento e, no seu caso, na súa regulación, a participación de todos os grupos municipais na formulación de rogos, preguntas e mocións”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.