Monday 10 de March de 2025

O BNG DE Oleiros ofrece o seu incondicional apoio á declaración de interese turístico de Galiza para Alfaroleiros


Alfaroleiros é moito, mais aínda podería ser moito máis

O agosto pasado Alfaroleiros celebrou os seus 30 anos. Que unha mostra de artesanía se manteña durante tantos anos non é fácil e merece ser celebrado colectivamente e ser xustamente parabenizado. Demostra tamén a fidelidade incondicional do público, veciñanza e visitantes, e por suposto a das artesás e os artesáns que cada ano comparten, exhiben e ofrecen os seus saberes e tesouros. É inevitábel non terlle unha grande estima a Alfaroleiros e non recoñecer o acerto do seu impulso, desde o inmenso patrimonio que nos legaron Kaydeda e Teresa, pasando polo grande esforzo de manter en pé esa herdanza con nomes propios como os de Ana Pallares ou Alfonso Faraldo até chegar ao bo facer da actual responsábel, Ana Justo.

– Con motivo do 30 aniversario de Alfaroleiros unha das novidades da pasada edición foi a exposición paralela colocada en diferentes espazos da vila de Santa Cruz. Unha vez feito ese material pensamos que paga a pena estudar as maneiras de que visite outros lugares, en Galiza, noutras partes do Estado ou mesmo en Portugal, para dar a coñecer aínda máis e mellor Alfaroleiros e seguir captando visitantes. Os vimbios xa os temos.

– A declaración de interese turístico de Galiza para Alfaroleiros merece o noso incondicional apoio. Tanto que como o goberno municipal lambrará hai algúns meses preguntamos por este asunto e responderon que xa iniciaran os trámites. Se cadra puido ter sido antes, e chegar aos 30 anos coa declaración conseguida, mais o caso é conseguila. Sérvenos tamén esta declaración para preguntarnos en voz alta algo que no BNG nos parece pertinente: podería ser o apoio da Xunta de Galiza maior do que historicamente foi? Ten estado o goberno galego á altura da que Alfaroleiros acadou por méritos propios todos estes anos? Sería maior a implicación do goberno de Alfonso Rueda se en Oleiros o goberno fose do Partido Popular? Son, se cadra, preguntas retóricas.

– Alfaroleiros é moito, mais aínda podería ser moito máis: non é só a programación de actividades paralelas que durante a feira enchen Santa Cruz de vida, senón afondar no camiño, xa iniciado nestes anos grazas ao bo facer profesional de Ana Justo, de vincular Alfaroleiros ao Museo dos Oleiros ou aos antigos oficios tradicionais de tanta pegada entre nós como o dos telleiros ou as actividades e publicacións sobre cociña e barro. É unha vía esta que mesmo podería permitir unha maior e mellor conexión entre a feira e a hostalaría local, creando por exemplo rutas e concursos de tapas, xornadas gastronómicas…A materia prima, os vimbios que antes dicíamos, xa os temos. Por ter, mesmo temos restaurantes que son concesións municipais! Consolidemos mediante propostas concretas que Alfaroleiros sexa un axente activo e proactivo na dinamización da economía local, mesmo máis alá da vila de Santa Cruz.

– Alfaroleiros, por último, é tamén a oportunidade única de recuperarmos a nosa memoria, a nosa identidade, a nosa propia historia, o noso patrimonio. Dándolle aínda máis impulso e proxección ao Museo e ao alfar municipal, con esas actividades marabillosas como as Tardes do Alfar, ou creando novas iniciativas vinculadas, por exemplo, á fábrica de cerámica de Thomas Price en Dorneda ou á memoria da antiga fábrica e mesmo a orixe da lagoa de Mera. Hai tantas oportunidades…!

– O compromiso do BNG desde as institucións onde temos responsabilidades de goberno é a mellor mostra do noso compromiso e o noso apoio incondicional. Buscando ir sempre a máis e traballando por darlle longa vida a Alfaroleiros.

Deja un comentario