
Hoxe comezou no Auditorio Municipal de Ribeira a fase previa do Club de Debate Alingua, un programa cooperativo no que participan varios concellos galegos, que promove e valora o uso oral do galego, o espírito crítico, a tolerancia e o traballo en equipo na mocidade.
Este club de debates vai dirixido ao alumnado de 3º e 4º de ESO e 1º de bacharelato, ou cursos equivalentes dos ciclos formativos, dos concellos participantes e a rapazada que se anime a debater neste certame deberá agudizar o enxeño para buscar todas as argumentacións posibles para reforzar as ideas, o que tamén facilita a capacidade de análise e de interpretación da realidade e sempre coa axuda do profesorado que prepara os equipos.
Numerosos colexios e institutos de Galicia trasladaranse a Ribeira dende hoxe ata o mércores 26 onde lle tocará a quenda ao Concello de Ribeira representado polo Colexio Galaxia.
Nesta edición 2025 participan os concellos de Carballo, Dodro, Ferrol, Narón, Pontedeume, Pontevedra, Ribeira, Rois, Santa Comba, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa.
32 equipos de debate procedentes dun total de 20 institutos dunha ducia de concellos galegos. Case 300 mozas e mozos demostrarán a súa habilidade coas palabras na procura dun oco na final, que se celebrará o próximo 26 de abril en Vilagarcía de Arousa.
Datas dos concellos na fase eliminatoria de Ribeira:
● 24 de febreiro Santiago, Santa Comba e Carballo;
● 25 de febreiro Teo, Rois, Dodro e Vilagarcía;
● 26 de febreiro Pontevedra, Narón, Pontedeume e Ribeira
Surfistas da Lingua, Os Sofistas, Faladores, Os Gandariños, O Clan dos Estoicos, A Tropa dos Epicúreos, Oradores de Bergantiños… Son algúns dos nomes escollidos polos protagonistas, alumnado de educación secundaria e bacharelato dunha vintena de centros educativos, para o seu equipo. As dinámicas diarias de debate dos diferentes colexios e institutos transcorren dende as 9:00 h ata 19:20 h onde remata a xornada cunha entrega de premios.
O turismo: tema escollido para a fase previa da edición 2025
Entre as propostas realizadas polos propios centros educativos participantes, o turismo foi o tema elixido para estas fases clasificatorias na edición 2025. “A masificación turística é un problema en Galicia” será a afirmación sobre a que debaterán os equipos. Durante cada unha das xornadas, cada equipo participante deberá debater en dúas quendas, debendo adoptar en cada quenda unha das opcións: “a favor” e “en contra” da tese proposta. Un xurado integrado por cinco profesionais de diversas áreas puntuará as intervencións dos equipos.
Máis sobre o Club de Debate Alingua
Nas semanas previas á competición, todos os equipos de cada zona asisten conxuntamente a sesións formativas para familiarizarse co desenvolvemento dos debates e na que reciben asesoramento sobre técnicas de comunicación oral e argumentación. En 2025, esta formación realizouse nos concellos de Pontevedra, Rois e Narón, que acolleron en tres xornadas formativas os case 300 mozos e mozas participantes, incluíndo tamén simulacións de debate.
O Club de Debate Alingua promove a creación de espazos de socialización e convivencia para activar a lingua a través do conxunto de actividades propostas: as xornadas de formación e as intensas xornadas de debate, inclúen tempo para o lecer con actividades de convivencia entre o alumnado participante.
Os equipos gañadores das fases de zona e da final obteñen premios cos que acceden a contidos culturais ou a experiencias de convivencia e animación lingüística.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.