
• Membros da organización estatal achegáronse ata o noso concello para a presentación do equipo local
• O festival celebrarase os días 19, 20 e 21 de maio, de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo
Pint of Science, o festival de divulgación científica que propón un encontro entre investigadores/as e público nos bares, chega por segunda vez a Carballo. O noso concello será un dos 72 de toda España que encherá os bares de ciencia os días 19, 20 e 21 de maio, nun evento que se celebrará de xeito simultáneo en máis de vinte países de todo o mundo.
E malia ser unha localidade de recente incorporación, Carballo xa ocupa un lugar destacado dentro do mapa estatal de Pint of Science. Así quixeron recoñecelo o director e coordinador estatal, Carlos Peris Torres, e a responsable de Comunicación e Financiamento, Sandra Medrano García, achegándose ata o noso concello para presentar o equipo local. Na organización do Pint of Science Carballo repiten o concelleiro de Innovación, Iván Andrade Tasende; a responsable de Comunicación do Concello, Cristina Abelleira Martínez, e a enxeñeira e doutora en Informática, investigadora e experta en IA Verónica Bolón Canedo; pero nesta edición temos dúas incorporacións: Daniel Barreiro Quintáns, asesor municipal, e Jorge Cebey García, asesor de formación do profesorado.
Na presentación do equipo participou tamén o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, que expresou a satisfacción do goberno municipal pola dimensión que están a acadar as accións promovidas desde o Concello para a divulgación científica en xeral e para o fomento das áreas STEM sobre todo entre as nenas, xa que a presenza da muller nos estudos relacionados con ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas aínda é minoritaria.
Unha desas accións é a exposición Mulleres guerrilleiras: investigadoras de Carballo, que pode verse desde o 8 de febreiro na rúa Coruña, e que serve de escaparate para o traballo, tantas veces descoñecido, de 21 investigadoras locais en diferentes ámbitos científicos. Sandra Medrano considera “impresionante que en un municipio de 32.000 habitantes haya tantas científicas”, e puxo en valor a exposición porque, ademais de contribuír á divulgación das investigacións que desenvolven, axuda a “crear referentes para las niñas”. Pint of Science conta cun panel propio dentro da exposición, porque o festival celebra este ano o seu décimo aniversario e quere dedicado á muller e a nena na ciencia.
Sandra Medrano, que é investigadora en Alemaña en inmunoloxía en hipertensión pulmonar e cancro, e Carlos Peris, que é doutor en Biomedicina e está investigando en nanomedicina orientada ao cancro, amosaron moito interese polas accións impulsadas desde o Concello de Carballo, do que destacaron que é a única administración local de todo o estado que promove directamente a celebración do festival. Aproveitando a súa estadía en Carballo, o sábado tamén se achegaron ata Razo e pola tarde participaron nunha visita guiada polos murais do proxecto Derrubando muros con pintura, e o domingo antes de marchar visitaron a feira e o mercado municipal, así que xa podedes imaxinar que marcharon cargados!
CIENCIA NOS BARES
Pint Of Science é un evento de índole internacional que convida as persoas investigadoras da localidade ou que desenvolven a súa actividade profesional na nosa contorna a compartir os seus coñecementos contigo nun ambiente relaxado e distendido: o bar. En Carballo abrimos a participación a todos os locais interesados, e entre os que se anotaron foron seleccionados o Ranqui, a cafetería do Pazo da Cultura e o Oito. O obxectivo é que o evento se vaia movendo cada ano por distintos establecementos. E nesta ocasión, ademais, por diferentes barrios.
Para coñecer os investigadores e as investigadoras que participarán nesta edición teredes que esperar aproximadamente un mes 😉
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.