
― Trátase do programa Aprol Economía Social, o Bono consolida economía social e os apoios para que as entidades asociativas máis representativas do sector poidan sufragar os seus gastos de funcionamento
― Estes apoios enmárcanse na aposta global da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a favor deste sector, ámbito ao que nos orzamentos deste ano destina máis de 44 M€
― O prazo de presentación de solicitudes do programa Aprol está aberto ata o 16 de setembro, o do Bono consolida ata o 21 de abril e o das axudas ao funcionamento ata o vindeiro 4 de marzo
― Ademais está aberta ata o 30 de abril a participación no certame de Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación, que buscan visibilizar o papel do cooperativismo na sociedade coincidindo co Ano Internacional das Cooperativas
A Xunta de Galicia ten aberto o prazo de distintas liñas de axudas destinadas a impulsar o emprego e a actividade das entidades da Economía Social por un valor total de máis de 8 M€. Trátase do programa Aprol Economía Social, Bono consolida economía social e os apoios para que as entidades asociativas máis representativas do sector poidan sufragar os seus gastos de funcionamento.
Estas accións enmárcanse na aposta da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración a prol deste sector para o que nos orzamentos deste ano ten consignados máis de 44 M€. Con elas, o Goberno galego busca contribuír ao impulso da actividade económica destas fórmulas de negocio, incrementando a súa competitividade e mantendo empregos inclusivos e de calidade, vencellados ao territorio e favorecendo un crecemento sustentable.
No caso de Aprol Economía Social, a edición deste ano ten o prazo de presentación de solicitudes aberto ata o 16 de setembro e está dotada con 5 M€. Con esta iniciativa búscase consolidar un ecosistema económico de crecemento sustentable que aposta polo emprendemento e polo emprego de calidade, ao tempo que contribúe a vertebrar o territorio e a fixar poboación no rural.
En relación ao Bono Consolida, a convocatoria de 2025 conta con máis de 2,7 M€ para apoiar a consolidación das entidades da economía social de Galicia e reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, e ao mesmo tempo impulsa empregos inclusivos e de calidade.
Estas axudas súmanse ás específicas para que as entidades asociativas máis representativas do sector poidan sufragar os seus gastos de funcionamento, dotadas este ano cun orzamento de 330.000 euros e que están abertas ata o 4 de marzo.
Ademais, co gallo de visibilizar o papel do cooperativismo na sociedade, está tamén aberto actualmente o prazo de participación no certame de Cooperativismo no Ensino e nos Premios á Cooperación, ambos publicados na mesma orde e con prazo vixente ata o 30 de abril. Esta edición coincide co Ano Internacional das Cooperativas, que ten como lema As cooperativas constrúen un mundo mellor.
A Economía Social en Galicia
Na actualidade, Galicia conta con máis de 3.500 entidades —entre cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas inserción—, 230 delas nacidas no último ano, que implicaron a preto de 600 novas persoas socias promotoras, a metade mulleres. Ademais, en 2024 a economía social xerou 800 novos empregos.
A estes resultados contribúen apoios como os recollidos anteriormente e o continuo impulso de actividades formativas e de divulgación ou a rede Eusumo, unha iniciativa con máis dun cento de entidades adheridas e que actúa como xanela única para facilitar información, asesoramento e acceso a axudas europeas, estatais e autonómicas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.