
Palexco acolleu a gala, dirixida polo humorista David Amor e protagonizada polas agrupacións Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos, Pantaleón, Badabum Sorpresa e Os Kilomberos
A nova edición do Antroido da Coruña deu hoxe o seu pistoletazo de saída coa celebración en Palexco do tradicional concurso de comparsas na modalidade de música e letra, na que a vitoria final foi para a comparsa Malandros, no seu décimo aniversario.
O humorista galego David Amor foi o encargado de conducir a cerimonia nesta edición don concurso, na que participaron oito comparsas. Amigos da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos e Pantaleón, ás que se sumaron Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto —estas dúas, fóra de concurso— fixeron as delicias do público, nunha nova tarde para a historia do carnaval coruñés.
Tras Malandros, Amigos da Xoldra e Montealto a 100 obtiveron o segundo e terceiro premio desta edición. Ademais, houbo áccesits para Pantaleón, Os Maracos e Melandrainas.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu o xurado e destacou “a calidade, talento e inxenio” das comparsas que tomaron parte nesta edición. “O espírito do Antroido da Coruña está en tardes como a de hoxe, na que entidades e agrupacións culturais formadas por veciñas e veciños dan vida á nosa cidade co seu sentido do humor. E este patrimonio témolo que preservar”, indicou.
Ademais da rexedora, o xurado estivo integrado por Xosé Alfeirán, profesor, historiador e escritor; Elena Umbría, directora da Escola Municipal de Música; Francisco Manuel Vecino, músico da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC); Lara Fernández, xornalista; e Ana Canosa, técnica do IMCE que exerceu como secretaria.
Como gañadora deste concurso, a comparsa dos Malandros interpretará en directo as súas dúas cancións deste certame no acto de entronización do deus Momo, que terá lugar o venres 28 de febreiro no Obelisco (21.00 horas).