
Pablo Lago anuncia que Brión xa presentou solicitude á convocatoria de 2025 para poñer en valor dous novos elementos do patrimonio histórico
O alcalde de Brión, Pablo Lago, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá as fontes-lavadoiros de Alqueidón (Os Ánxeles) e Boaventura (Brión), que foron rehabilitados ao abeiro da orde de axudas da Xunta para a corrección de impactos paisaxísticos. Unha actuación que supuxo un investimento de case 25.000 euros, das que a Xunta de Galicia achegou algo máis de 16.000 euros a través da orde de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos.
Ángeles Vázquez puxo en valor a aposta do Concello de Brión polo fermosismo e a protección da paisaxe e fixo fincapé no grande interese que xeran estas axudas entre as entidades locais e a veciñanza. De feito, o alcalde brionés xa lle confirmou que dende o Concello volveron solicitar estas axudas para actuar noutros dous importantes elementos do patrimonio histórico e etnográfico do municipio. “Trátase dunha aposta por recuperar o noso patrimonio municipal e corrixir impactos paisaxísticos froito da realización de obras inadecuadas, ben por unha incorrecta execución ou polo emprego de materiais non axeitados, como nos casos de Boaventura e do Alqueidón”, sinala Pablo Lago.
Actuacións
No caso da fonte-lavadoiro de Boaventura, a actuación consistiu en eliminar a gran cantidade de formigón que presentaba e foi substituído por outros materiais máis acordes e harmoniosos como a pedra. Así, o corpo do lavadoiro foi enfoscado e posteriormente chapeado con placas de granito. A maiores, melloráronse os accesos a este conxunto etnográfico, xa que era moi complicado acceder a el.
Por iso, o Concello de Brión acondicionou uns novos accesos en zahorra, cunha escaleira de acceso en pedra e lousas no chan da contorna da fonte e do lavadoiro. Os traballos remataron cunha limpeza profunda de toda a contorna e a eliminación dunha parte asfaltada, que foi substituída por pavimento de lousas de pedra, un material máis acorde tanto con este elemento etnográfico como coa paisaxe onde se sitúa este conxunto. “Dende aquí pódense ver as Torres de Altamira, símbolo por excelencia de Brión e onde estamos actuando agora dende o Concello para habilitar unha senda para facilitar o acceso das persoas que nos visiten e que tamén poden achegarse a esta fonte-lavadoiro de Boaventura”, apuntou o alcalde brionés.
No Alqueidón procedeuse a eliminar elementos pouco acordes co conxunto fonte-lavadoiro, como o feito de que os muros de pedra estiveran rexuntados con morteiro de cemento. No seu lugar, empregouse material coloreado con pigmentos naturais para os muros de pedra, limpáronse as vigas e o teito e substituíuse unha parte asfaltada da contorna por un pavimento de lousas de pedra, que, segundo explicou Ángeles Vázquez, é un material máis acorde tanto con ese elemento etnográfico como coa paisaxe onde se localiza.
Pablo Lago destacou que todo se fixo co máximo respecto a este elemento patrimonial, poñendo como exemplo o acontecido coa cuberta xa que “aínda que a solución máis sinxela sería demolela e substituíla por outra nova, isto non foi posible debido á existencia dunha cruz de pedra emprazada sobre a cuberta e que ten un gran valor histórico e artístico”.
Alcalde e conselleira estiveron acompañados na súa visita pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; así como polos concelleiros de Obras, José Antonio Vidal; Cultura, Sandy Cebral; e Servizos Sociais, Rosa Romero; e pola voceira municipal do PP, María Fariña. Ángeles Vázquez fixo fincapé no grande interese que xeran estas axudas entre as entidades locais e a veciñanza. Na convocatoria de 2024 aprobáronse apoios a un total de 346 particulares e 50 concellos, dos que a maioría corresponden á provincia de Ourense (20), seguidos de Lugo (13), A Coruña (11) e Pontevedra (6).
A maiores, a conselleira lembrou que desde a posta en marcha desta iniciativa, no ano 2021, o Goberno galego apoiou con 9,5 M€ a máis de 110 entidades locais e a 2.100 familias na execución de obras e actuacións para mellorar a imaxe exterior dos seus inmobles. E este ano 2025 a Xunta achegará outros dous millóns de euros para continuar a apoiar o desenvolvemento de actuacións de fomento do fermosismo e de protección da paisaxe na Comunidade.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.