Monday 24 de February de 2025

A Xunta impulsa as oportunidades laborais de preto de 2.000 persoas desempregadas con máis dun cento de obradoiros e programas de emprego xuvenil 


― Dentro destas iniciativas están o obradoiro dual de emprego O Porriño Humaniza e o programa de emprego para menores de 30 anos O Noso Encontro co Emprego, que contan cun apoio autonómico global de 850.000 euros e benefician a 36 persoas

― José González salientou que estas actuacións tamén contribúen a dar soporte a sectores con demanda de man de obra e benefician á sociedade, neste caso con accións de albanelería e pintura que melloran infraestruturas do Concello

― Sinalou que estes obradoiros, cos que o alumnado recibe unha formación teórico-práctica, serven ademais para reforzar a colaboración coas entidades locais

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado, participou hoxe no Porriño nun encontro co alumnado e os docentes do obradoiro dual de emprego O Porriño Humaniza e do programa de emprego para menores de 30 anos O Noso Encontro co Emprego no que tamén estivo o alcalde deste concello, Manuel Lorenzo. Estas iniciativas forman parte das máis dun cento que apoia a Xunta de Galicia -87 obradoiros de emprego dual e 15 programas de emprego para menores de 30 anos- ao abeiro das convocatorias de axudas de 2024. Con elas, impulsa as oportunidades laborais de preto de 2.000 persoas desempregadas, entre elas 240 mozas e mozos.

En concreto, cos 87 obradoiros duais que apoia a Administración autonómica en Galicia cun investimento total de máis de 36 M€, prevese beneficiar 1.706 persoas sen traballo e 20 destas iniciativas están na provincia de Pontevedra. En canto aos 15 programas de emprego xuvenil, que favorecen a 240 mozas e mozos, o apoio autonómico é de preto de 6,6 M € e destas actuacións, seis son da provincia de Pontevedra.

No caso do Porriño, o obradoiro dual e o programa de emprego xuvenil contan cun apoio global da Xunta de 850.000 euros para impulsar a empregabilidade das 36 persoas que reciben formación teórico-práctica con estas iniciativas que os conecta co mundo laboral, ao tempo que aprenden e reciben remuneración polo seu traballo.

Alí o conselleiro destacou que, ademais de potenciar a inserción laboral dos participantes, con estas accións, o Goberno galego contribúe a dar soporte a sectores con demanda de man de obra pois estes obradoiros son especificamente deseñados para atender as necesidades do tecido produtivo de cada contorna. A isto súmase que o labor do alumnado beneficia á sociedade, pois desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, fortalecendo piares fundamentais da nosa economía.
Ademais, no caso dos obradoiros duais, para acceder a eles, priorízanse ás persoas con especiais dificultades de inserción, entre elas emigrantes retornados, mulleres, vítimas de violencia de xénero e as persoas con diversidade funcional. Ademais, os apoios do Executivo galego poñen o foco na formación forestal e nas iniciativas centradas na posta en valor das rutas do Camiño de Santiago ou nas áreas declaradas Reserva da Biosfera.

José González tamén explicou que estas actuacións, financiadas pola Administración autonómica, contribúen a reforzar a colaboración institucional entre a Xunta e as entidades locais a prol do emprego, un compromiso ao que se continuará dando pulo. De feito, ambas iniciativas poden ser promovidas polos concellos, mancomunidades de municipios ou entidades públicas dependentes. No caso dos obradoiros duais, tamén por entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. En ambos casos priorízanse as propostas de concellos fusionados ou emprendedores e de actividades relacionadas coas TIC e coa economía dixital, así como relacionadas co tecido empresarial e coas posibilidades de inserción futura.

O Porriño Humaniza e O Noso Encontro co Emprego

No caso do obradoiro dual O Porriño Humaniza, conta unha axuda autonómica de case 412.000€. Empezou a súa actividade en decembro de 2024 e prolongarase ata setembro deste ano. Del forman parte 20 persoas -10 desenvolven tarefas de pintura en edificios e viarios municipais e outras 10 de albanelería como a renovación de aceiras-. Ademais, conta con cinco técnicos administrativos.

En canto ao programa de emprego para menores de 30 anos O Noso Encontro co Emprego, empezou en outubro de 2024 e rematará en outubro deste ano. Conta unha axuda autonómica de máis de 438.600 euros e del forman parte 16 persoas -8 realizan tarefas de albanelería e outras 8 de carpintaría de madeira- e 4 técnicos administrativos. Entre as actuacións que desenvolven están traballos de reparación de pasarelas de madeira e de urbanización e pintura en contornas deste concello.

Deja un comentario