
O documental, dirixido por Lina Soualem, foi gañador do 67.º BFI London Film Festival en 2023 e está nomeado ao mellor documental nos 50.º Premios César 2025
O Fórum Metropolitano acollerá o xoves 6 de marzo, ás 20.00 horas, unha nova sesión do ‘Documental do mes’, unha iniciativa que forma parte da programación cultural impulsada polo Concello da Coruña nas instalacións municipais. O proxecto compleméntase cos ciclos de cinema xa habituais, que cada mes lle traen ao público da cidade algunhas das mellores propostas documentais do panorama internacional.
Nesta ocasión, o documental elixido é ‘Bye Bye Tiberias’, dirixido por Lina Soualem. A longametraxe que se proxectará na sala Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano (rúa Río Monelos, 1, A Coruña), ofrece unha ollada íntima sobre a identidade cultural e as relacións familiares. O filme gañou o 67.º BFI London Film Festival en 2023 e está nomeado ao mellor documental nos 50.º Premios César, que se celebran o vindeiro 28 de febreiro de 2025.
‘Bye Bye Tiberias’ forma parte da iniciativa internacional ‘Docs Barcelona del Mes’, que cada mes estrea un documental nunha rede de máis de 70 salas en España, Chile e Colombia. O obxectivo é achegar ao público documentais premiados e recoñecidos en festivais de todo o mundo ofrecendo a oportunidade de ver obras de gran valor cinematográfico que, doutra maneira, non terían distribución comercial.
Desde 2024, o Fórum Metropolitano acolle estas proxeccións o primeiro xoves de cada mes. En xaneiro exhibiuse ‘Casa Reynal’ e en febreiro ‘Mina y la radio de los presos’. Agora, no mes de marzo, as espectadoras e espectadores terán a oportunidade de ver ‘Bye Bye Tiberias’.
A sesión comenzará ás 20.00 horas e as entradas xa están á venda. Os pases poden adquirirse na web de Ataquilla e tamén no propio Fórum Metropolitano o día da sesión. Teñen un custo de3,50 euros para o público xeral, con descontos especiais para persoas posuidoras do Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.