
• A Reserva adxudicou en 64.636,26 euros Next Generation a actuación, dentro do seu Plan de Sustentabilidade do Produto Turístico
• A senda pretende servir de exemplo para próximas iniciativas, combinando a mellora ambiental co uso veciñal
A Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas terá o próximo verán a súa primeira Senda Ecoturística. Trátase da recuperación dunha antiga senda costeira en Miño, entre Ponte do Porco e a Senda dous Sentidos, unha intervención deseñada en conxunto co Concello de Miño para reimpulsar un carreiro inaccesible ata a data, infrautilizado e degradado.
A Reserva acaba de adxudicar os traballos para crear a senda por 64.636,26 euros á empresa Groma Obras S.L. O presidente, José Antonio Santiso, formalizou onte o contrato coa empresa nun acto celebrado na sede de Mariñas Coruñesas, ao que tamén asistiu o concelleiro de Turismo de Miño, José Manuel Pantín, e o xerente, Diego López.
A formalización do contrato servirá para o próximo inicio dos traballos. A previsión é que estean rematados o próximo 1 de xullo.
“Formulamos esta Senda Ecoturística como proxecto piloto para que sirva de exemplo para futuras iniciativas similares non territorio”, sinalou Santiso. O presidente sinala que se aposta pola recuperación ambiental, a mitigación da pegada de carbono, e mellora paisaxística coa creación dun espazo de uso veciñal, ademais do valor turístico.
A actuación realízase no bordo costeiro do río Lambre, nun tramo de 280 metros, discorrendo parte dela a través dunha serie de parcelas privadas. A Reserva destaca a colaboración dos propietarios, que ceden o uso para a senda por un período de 30 anos.
A actuación inclúese dentro do Plan de Sustentabilidade Turística de Mariñas Coruñas, dotado de fondos Next Generation.
Detalles dos traballos
Eliminaranse as especies exóticas invasoras existentes, como a acacia, especialmente presente no noiro dunha das parcelas que lindan co ecosistema dunar. Tamén se retirarán eucaliptos e outras plantas invasoras de menor porte.
Restaurarase a vexetación autóctona no seu lugar, procurando frear a erosión dos noiros. Plantaranse sebes de loureiro de 75 – 100 centímetros de altura nos peches coas leiras que lindan coa senda.
Para protexer aos usuarios e delimitar o percorrido da senda, instalarase unha protección simple formada por rollizos de madeira unidos cunha corda, seguindo a tipoloxía existente no resto da Senda dos Sentidos, garantindo a coherencia estética de todo o trazado.
Ademais, levará a cabo o acondicionamento das escaleiras existentes para garantir a súa integración paisaxística e funcional e instalarase un treito de 50 metros de tarima de madeira formando unha pasarela lixeiramente elevada sobre o terreo, para facilitar o paso peonil. Tamén se mellorará un anaco de parcela que se emprega de forma informal para aparcar coches na zona da praia da Alameda.
Así mesmo, procederase á demolición de muros de fábrica de bloque de formigón, postes de formigón armado e peches metálicos que na actualidade están a impedir o paso por esa franxa de tránsito do Dominio Público Marítimo Terrestre.
O proxecto inclúe a instalación de sinalización informativa para os usuarios do espazo natural, con carteis indicadores, resoltos mediante travesas ecolóxicas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.