Monday 24 de February de 2025

Máis dun milleiro de persoas xa se inscribiron no circuíto de carreiras populares Coruña Corre 2025, que arrincará o 15 de marzo na Torre de Hércules


O calendario desta nova edición conta con sete probas que se desenvolverán ata finais de novembro, con carreiras en barrios como Matogrande, Xuxán, San Pedro de Visma, Os Castros, Os Rosales, O Ventorrillo e Novo Mesoiro

Xa está en marcha a conta atrás para a volta do circuíto de carreiras populares Coruña Corre, que arrincará a súa décimo segunda edición o vindeiro día 15 de marzo e que se prolongará ata finais de novembro, con sete probas previstas no calendario deste ano.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou a cidadanía a participar nesta nova convocatoria do circuíto, que xa supera o milleiro de persoas inscritas a menos dun mes da súa primeira cita, a XIII Baixada Popular da Torre de Hércules, que irá acompañada da andaina solidaria en conmemoración do Día Internacional da Muller.

Vázquez lembrou que, como vén sendo habitual, hai dúas formas de inscrición. A primeira, a inscrición única no circuíto —que xera automaticamente a inscrición en cada unha das carreiras, con necesidade de confirmar a participación de xeito individual para cada carreira—, “esta é a modalidade que permite puntuar para optar aos premios do circuíto”. Neste sentido, cómpre lembrar que o prazo para inscribirse no circuíto rematará ás 23.59 horas do domingo 4 de maio.
A segunda forma de inscrición é facelo en cada carreira de forma independente, mais esta modalidade non puntúa para o global do circuíto.

As persoas interesadas en formalizaren a súa inscrición no Coruña Corre 2025 poden consultar toda a información a través desta ligazón.

Tras a Torre de Hércules, o circuíto chegará aos barrios de Matogrande e Xuxán

Manuel Vázquez subliñou hoxe a importancia deste circuíto na programación deportiva anual que promove o Goberno de Inés Rey. “Coruña Corre é clave no fomento das actividades e hábitos saudables a escala interxeracional e tamén no referente á dinamización dos barrios”, expuxo.

A este respecto, o calendario desta edición chegará o 6 de abril a Matogrande e Xuxán e terá continuidade o 11 de maio en San Pedro de Visma. Os Rosales, xa o 1 de xuño, serán a última cita antes da parada estival do circuíto. Xa o 14 de setembro se reactivará coa Volta a Oza, carreira previa a que terá lugar o 26 de outubro no Ventorrillo. A última proba deste ano terá lugar no barrio de Novo Mesoiro, o 23 de novembro.

Deja un comentario