Saturday 22 de February de 2025

A corporación aprobará un ambicioso proxecto estratéxico que prevé un investimento de 15 millóns de euros en catro anos


A corporación municipal celebrará o luns 24 o pleno correspondente ao mes de febreiro, con varios asuntos de calado. Entre eles destaca a solicitude de fondos FEDER para o Plan de Actuación Integrado (PAI) Carballo a man, un ambicioso proxecto estratéxico que prevé un investimento de 15 millóns de euros nos próximos catro anos, ata finais do 2029.

O concelleiro de Axenda Urbana e Fondos Europeos, Iván Andrade, e o alcalde, Evencio Ferrero, ofreceron una explicación pormenorizada dos cinco proxectos que pretendemos acometer, e que inclúen 17 actuacións. Podedes escoitar todos os detalles neste vídeo.

No pleno do luns tamén se presentarán dúas propostas relacionadas coa entrada en funcionamento do centro de educación especial Lenda Educativa nun edificio cedido e acondicionado polo Concello de Carballo na parroquia de Ardaña. Por unha banda, o goberno municipal proporá o nomeamento da concelleira de Educación, Mar Eirís, como representante municipal no consello escolar. Por outra, presentarase para a súa aprobación provisional unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para que todo o ámbito do centro sexa clasificado como solo de equipamento educativo e deportivo.

Despois de deixalo sobre a mesa na sesión de xaneiro, volve ao salón de plenos a proposta de actuacións de loita contra a erosión na costa que vai acometer a Demarcación de Costas do Estado coa finalidade de aumentar a resiliencia e fortalecer o noso litoral fronte aos efectos do cambio climático. Nesta ocasión prevese que a proposta de que o Concello de Carballo asuma o mantemento das actuacións que se leven a cabo por parte do organismo estatal, xa que vén de negociarse unha moratoria para a demolición do peche e de calquera actuación que impida o uso do campo de fútbol, que foi o único tema que xerou discrepancia na sesión anterior.

Así mesmo, no pleno do luns realizarase a aprobación dun recoñecemento de obrigas de exercicios anteriores por 79.454,40 euros e someteranse a debate dúas mocións presentadas polo PP, unha sobre o superávit orzamentario do ano 2024 e outra sobre o apoio ao pacto pola lingua.

Deja un comentario