
Evencio Ferrero lembrou tamén a César Lombera, autor da escultura situada na rúa Coruña, que faleceu hai menos dun mes
Hoxe cumpríronse 125 anos do pasamento de Alfredo Brañas en Compostela, pero o carballés máis ilustre foi lembrado na súa vila natal cun acto protagonizado pola chuvia, no meteorolóxico, e pola mocidade, que foi maioría entre o público. O mal tempo demorou o inicio do acto, desluciu a ofrenda de caraveis vermellos realizada por representantes das tres entidades que participaron na homenaxe _IES Alfredo Brañas, a Asociación Cultural Lumieira e Concello de Carballo_ e obrigou a trasladar ao interior da casa natal de Brañas, “co seu consentimento”, o resto do acto.
Xa a cuberto, na que é unha das tabernas históricas de Carballo, o profesor e historiador Xan Fraga abriu a homenaxe cun percorrido polo Carballo da época de Alfredo Brañas e desvelou algúns aspectos pouco coñecidos da súa figura, como que foi “o gran promotor de que Rosalía inaugurase o que despois se chamou Panteón de Galegos Ilustres”, no que el sería o segundo e recibir sepultura, e ao que, dixo, “nunha ha de irse sen unha rosa ou un caravel para o senlleiro veciño”.
Alfredo Brañas segue a ser hoxe referencia, como apuntou Xan Fraga e como demostran os diversos actos celebrados nos últimos días, e por iso o cronista carballés propuxo institucionalizar esta homenaxe anual a unha figura que destacou no político, no literario e no universitario, e que durante toda a súa curta vida, xa que morreu con 41 anos, tivo Carballo presente.
No acto de hoxe destacouse especialmente a faceta literaria de Brañas coa lectura, por parte do alumnado do IES Alfredo Brañas, de varios textos do autor carballés e mesmo doutros autores coma Castelao sobre el.
“Destes poemarios podemos concluír que Alfredo Brañas foi un precursor _manifestou Evenciio Ferrero_. Agora que tanto se fala de financiamento, se se seguira o exemplo de Alfredo Brañas, Galicia sen dúbida tería moita máis capacidade económica para desenvolver un proxecto no que seríamos donos dos nosos cartos, que é algo fundamental para o desenvolvemento do país”.
Con varias imaxes de Alfredo Brañas de fondo xunto a algún dos bosquexos que inspiraron a escultura situada na rúa Coruña, o alcalde de Carballo quixo ter unhas palabras de lembranza para o seu autor, o artista César Lombera, falecido o mes pasado, e, xa para rematar, instou a mocidade e á sociedade carballesa a non esquecer “a memoria de Brañas”, porque nunca debemos olvidar “quen nos aportou tanto para ser hoxe como somos”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.