
Avoga por recuperar o carnaval máis tradicional onde os disfraces se facían con materiais que tiñamos pola casa, tal e como seguen facendo os choqueiros da Coruña
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía a elaborar os seus propios disfraces para reducir a xeración de residuos e evitar compras innecesarias para desfrutar dun entroido sostible.
Nesa liña, a conselleira participou hoxe na presentación do Ecotroido, que é unha iniciativa a través da que á cidadanía terá á súa disposición un espazo no que contar con diferentes ferramentas para facer os seus propios disfraces. Así, a carpa que está instalada esta fin de semana na cidade da Coruña disporá de manequíns con exemplos de disfraces, un ordenador con intelixencia artificial para facer deseños, unha zona de taller na que poder elaborar as diferentes creacións e un área de photocall para fotografarse coas novas prendas.
Logo de incidir en que este espazo estará aberto o sábado e o domingo de 10,00 h. a 14,00 h. en horario de mañá, e de 16,00 h. a 20,00 h. pola tarde, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, avogou por recuperar o entroido máis tradicional onde os disfraces se facían con “materiais que tiñamos pola casa”. Nesa liña, puxo como exemplo o caso dos choqueiros da Coruña, que manteñen esa aposta pola elaboración propia e a reutilización de prendas, obxectos e materiais.
Ademais, a conselleira salientou a importancia de que os concellos que durante estas datas reciben moitos visitantes conten con recollida selectiva para facilitar “o sinxelo, pero fundamental” xesto de separar correctamente os residuos por tipoloxía e depositalos no contedor correspondente para acadar unha boa xestión e avanzar cara a un futuro máis sustentable.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.