Saturday 22 de February de 2025

Concello de Ribeira e a Federación Galega de Salvamento presentan un novo curso de socorrismo


Hoxe presentouse, por segundo ano consecutivo, un novo curso de socorrismo por parte do alcalde, Luís Pérez, xunto co vicepresidente da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galicia (FESSGA), Ismael García.
García informou que o curso será de 120 horas de formación repartidas en catro módulos, 20 horas de prevención, 40 de primeiros auxilios, 60 de salvamento e natación. As condicións para acceder ao curso son, ter 18 anos ou cumprilos durante a realización do mesmo, tamén haberá que ter a titulación da ESO e se fará unha proba de acceso de 200 m. que validaría o módulo de natación. Segundo sinalou Ismael, “un dos beneficios deste curso e que se lle vai a impartir a tódolos alumnos e alumnas unha formación homologada e de cara ao final do curso se realizarán unhas prácticas no mar tanto con embarcacións como con motos de auga para que o alumnado poida realizar diferentes prácticas e onde poidan desenvolver as técnicas aprendidas: entradas á auga, izadas, etc..”
Pechou o acto de presentación Pérez Barral aludindo que é o segundo ano que se realiza este curso de salvamento “co que pretendemos formar á xente nova e poida ter a titulación necesaria para poder ser socorrista acuático nas praias do noso municipio”. O rexedor explicou que esta actividade alén de formar e capacitar en labores de salvamento tamén lle permite ao Concello de Ribeira “ampliar o número de praias que podemos vixiar, o ano pasado xa fixemos ese aumento; pasando de tres praias vixiadas a cinco e neste ano imos facer exactamente o mesmo”. Informou que as praias que estarán vixiadas serán: Coroso, O Vilar, Ladeira, Castro-Catía e Rio-Azor “que son as praias con máis afluencia de bañistas onde máis vixilancia se precisa no tempo estival”.
Por outra banda o rexedor indicou que “calquera persoa que se anote a este curso, vai ter a posibilidade de traballar co Concello de Ribeira”, e reiterou que o compromiso do Goberno municipal é o de ampliar o número de socorristas nos areais e tamén nos tempos dos contratos laborais; “os socorristas pasaron de traballar dous meses e dez días a traballar tres meses”. Luís Pérez fixo un chamamento para os mozas e mozas que queiran traballar este verán “porque o concello vai a abrir un bolsa complementaria á que xa temos para que as
prazas que non se cubran poidan ser cubertas polas persoas que se formen neste curso.
Requisitos:
● Ter 18 anos cumpridos
● Ter como mínimo a ESO
Prazo de inscripción:
Ata o 12 de marzo de 2025
Data da proba de acceso:
Sábado 15 de marzo de 2025
11:30 h Piscina da Fieiteira
Prezos:
Prezo xeral: 620 euros
Prezo para empadroados no Concello de Ribeira (con data 01/01/2024): 500 euros
Datas:
Inicio: 21/03/2025
Fin: 23/05/2025
Horarios:
Venres: de 16:00 a 20:00 h
Sábados: de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 20:00 h
Domingos: de 10 a 14:00 h
Máis información:
Teléfono: 981 97 71 20
Correo: fessga@gmail.com

Deja un comentario