Saturday 22 de February de 2025

Unha exposición de traxes tradicionais de Galicia abre o programa de actividades do Mes de Rosalía en Brión


A Igrexa de Bastavales acollerá mañá sábado, ás 17:00 horas, unha experiencia musical e artística da man da soprano Esperanza Mara e cunha ofrenda floral a Rosalía de Castro

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, e a investigadora María Susana Peleteiro Fernández inauguraron na noite de onte xoves a exposición “Traxes tradicionais de Galicia e o falseamento histórico na folclorización: exposición didáctica”. Unha mostra que abre o programa especial de actividades deseñado polo Concello de Brión para conmemorar o Mes de Rosalía e que terá continuidade mañá sábado co espectáculo musical e artístico “Brión, unha historia que contar: ao son das campás de Rosalía con Esperanza Mara” e dúas accións cos establecementos hostaleiros (Caldo de Gloria e Café con verso).

Así, a sala municipal de exposicións acolle ata o vindeiro 7 de marzo unha mostra pedagóxica investigada por Susana Peleteiro, formadora da Secretaría Xeral de Emigración nas especialidades de baile, pandeireta, canto e confección de traxes tradicionais. “Un saber que lle permitiu detectar a existencia de traxes rexionais que se presentan como tradicionais, pero que pouco ou nada teñen que ver cos que os nosos avós e avoas levaron no seu día e que moitos aínda gardamos nas nosas casas. Aí comezou un amplo traballo documental, con persoas de grupos folclóricos e a inxente documentación do Museo do Pobo Galego e do Consello Superior de Investigacións Científicas cuxo resultado podedes ver resumido nos textos que acompañan ás bonecas”, indicou Sandy Cebral.

A concelleira de Cultura explicou que “dende o Concello de Brión, ademais de convidar a toda a veciñanza a pasarse por aquí a ver esta exposición, tamén abriremos esta mostra aos centros educativos xa que estamos diante dunha mostra didáctica cuxa pretensión é dar a coñecer a realidade social do que vestiron os nosos devanceiros, así como explicar a imaxe maquillada que se creou dende tres séculos atrás e que continuou ata a fin da Ditadura”.

Pola súa banda, Susana Peleteiro agradeceu as palabras de Sandy Cebral e ofreceuse para actuar como guía dos grupos de escolares que visiten a exposición durante as dúas próximas semanas. Así mesmo, explicou que a idea desta exposición “xurdiume porque, sendo formadora da Secretaría Xeral de Emigración, o máis pobre que hai nos centros galegos é o vestiario e é o que máis afastado está da realidade”. Neste sentido lamentou que “en temas musicais e de baile non hai problema á hora de documentarse pero no traxe hai unha carencia tremenda”, ao que engadiu “os problemas de deturpar e falsear, sacando á rúa traxes como auténticos e tradicionais traxes de cotío que non o eran. Son traxes moi bonitos, moi vistosos, moi coloridos pero non era a realidade dos nosos devanceiros porque o tradicional empeza a esmorecer cando se universalizan desde as materias primas ata os cortes e empezan as modas”.

Contido da exposición

A exposición elaborada por Susana Peleteiro consta de 40 bonecas con traxes de diferentes épocas, comarcas e usos sociais (traxes de trabalo, de ir á feira, de gala ou garda, de danza cerimonial…); os textos nos que se fai un percorrido pola historia do vestir tradicional e da representación gráfica dos traxes populares; fotografías antigas de traxes ou pezas de traxes vestidos polos nosos devandeiros e algunhas prendas de vestir e útiles usados no proceso de confección dos traxes, como unha cofia ou un mandil, peza única confeccionada en terciopelo e cristal de Bristol.

Con cada traxe amosado nas bonecas acompáñanse fotografías do modelo real e os datos que se solicitaron da orixe do atuendo, moitos deles investigados por expertos como Francisco Rodríguez, Alberto Golpe Beceiro, o grupo de música e baile tradicional Brincadeira, o Museo do Pobo Galego, etc. Poderá visitarse na sala municipal de exposicións de Brión ata o 7 de marzo, en horario de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 18:30 horas.

Campás de Rosalía con Esperanza Mara

E para mañá sábado 22 de febreiro, ás 17:00 horas, está programada unha experiencia musical e artística moi especial na Igrexa parroquial de San Xulián de Bastavales na que a soprano noiesa Esperanza Mara tocará diferentes campás ao tempo que cantará nove fragmentos de poemas de Rosalía de Castro combinados con cores e datos que fan referencia ás emocións da escritora á hora de escribir esas pezas. Unha selección que culminará coa lectura da coñecida “Campanas de Bastavales”.

O acto, que está aberto á participación libre e de balde da veciñanza, abrirase cun tradicional toque de campás, seguida da Ofrenda Floral do Concello de Brión a Rosalía de Castro no exterior da igrexa. Unha vez dentro do templo, o alcalde de Brión, Pablo Lago, e a concelleira de Cultura, Sandy Cebral, darán a benvida ás persoas asistentes e darán paso a unha serie de lecturas de poemas e escritos dos propios participantes, ao que se sumará tamén o párroco de Bastavales.

A programación especial do “Mes de Rosalía” pecharase o propio domingo 23 de febreiro cunha nova edición do Caldo de Gloria e do Café con verso en diferentes establecementos hostaleiros de Brión. Dúas iniciativas que inclúen a degustación da receita rosaliana do Caldo de Gloria, así como a entrega dun poema de Rosalía de Castro con cada café que se consuma no establecemento.

Deja un comentario