Saturday 22 de February de 2025

Chega o Entroido máis rexoubeiro e máis compostelán dos últimos anos


A concelleira de Festas, Pilar Lueiro, acompañada da xenerala da Ulla, Lucía Domínguez, que estará xunto con Alba de Santos a cargo do pregón deste ano, presentou a figura do Meco deste Entroido que percorrerá o sábado 1 de marzo as rúas de Compostela para quedar instalado no balcón do Pazo de Bendaña ata o mércores 5 cando será queimado na praza Roxa. No acto tamén estivo presente o creador do Meco, José Manuel Méndez.

Pilar Lueiro presentou o símbolo do Entroido compostelá, o Meco, que será o protagonista desta “época de diversión e irreverencia, e con moitas ganas de troula” e abrirá as festas o sábado 1 de marzo, aínda que estas se estenderán “varias semanas, pois este sábado 22 comezará en Marrozos e rematará o sábado 15 no barrio de Conxo”.

Así, o Entroido arranca oficialmente o sábado 1 de marzo co tradicional desfile do Meco, que partirá ás 20 h da praza de Cervantes acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño e Os Armatroulas de Laraño, ata chegar ao Pazo de Bendaña, onde quedará instalado ata o día 5. Dende o balcón escoitará, ao igual que todos os composteláns e compostelás que se acheguen ata a praza do Toural, o pregón de inicio das festas a cargo de Lucía e Alba, xeneralas da Ulla, dúas mozas compostelás, “que farán mofa e sátira de asuntos de carácter local sucedidos durante o ano” con “retranca e diversión van estar aseguradas”, destacou PIlar Lueiro. “Coa elección das pregoeiras tratamos de visibilizar todo o traballo que hai detrás do entroido de todo o Concello, tanto na cidade coma nas parroquias, e homenaxear a todas esas persoas que durante anos loitaron por non perder a tradición dun entroido rural que data do séc. XIX e que foi declarado no ano 2013 Festa de Interese Turística”.

A concelleira recordou que ao longo de toda a fin de semama e ata o martes 4 “varias comparsas e charangas percorrerán as rúas da cidade” así como “as asociacións folclóricas da cidade, Colexiata de Sar e Brincadeira que animarán os entroidos rurais”.

A cita central da xornada do domingo será o Festival Infantil de Disfraces que se celebrará na Sala Capitol e no que poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, con entrada libre e inscrición previa (entre as 16.30 h e as 17.45 h). Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 4 de marzo, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación da charanfa Ardores, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como xa se fixo o ano pasado, “todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación”.

Xa ao día seguinte, o mércores 5, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional “comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, a Ruliña, os Armatroulas e a Charanga“BB+” para a súa incineración ás 21 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 15 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada. O xoves 6, tamén haberá no Espazo Apego un obradoiro de chapeus de Xeneraliñas da Ulla e de atranque.

Pilar Lueiro pechou a súa intervención expresando o seu agradecemento ás “comparsas compostelás, xa non se entende o Entroido sen elas na cidade”, e “ás comisión de festas e unións carnavalescas das parroquias do rural como son Marrozos, Angrois, Aríns e o Eixo pois manteñen viva a tradición e grazas ao seu traballo traballo fan que a veciñanza se divirta e goce cos seus coros, comparsas, vivas e atranques dos e das xenerais do Ulla”.

Cartaz

Este ano o deseño e a idea orixinal son obra da debuxante, pintora e ilustradora Blanca Rodríguez Millán, que ten unha fonda vinculación con Compostela. As ilustracións reflicten a identidade compostelá a través de figuras simbólicas do noso concello como os/as xenerais, as Marías ou a Berenguela que se suman con humor e atrevemento ao espírito do Entroido.

O meco

Nesta ocasión o Meco está inspirado na presenza das redes sociais na sociedade, facendo alusión a Trump e a Elon Musk, detallou o seu creador, José Manuel Méndez que explicou que se trata do boneco número 33 que realiza para o Entroido compostelán, aínda que se cumpren 40 anos desde que o Concello decidiu apoiar a idea de incluílo nas Festas.

Deja un comentario