Saturday 22 de February de 2025

Seis comparsas optarán este sábado aos primeiros  premios do Antroido coruñés no concurso de música  e letra 


A gala celebrarase en Palexco, con entrada de balde ata completar  capacidade e o humorista David Amor como presentador 

Este sábado 22 de febreiro comeza a programación  municipal do Antroido coruñés do 2025. A primeira gran cita deste ano será o concurso de  comparsas na modalidade de música e letra. O evento celebrarase en Palexco e as  invitacións poderán ser retiradas ao longo deste venres no despacho de billetes da praza de  Ourense ou mañá, sábado, na propia billeteira do recinto ata completar a capacidade do  auditorio. 

Tras o grande éxito do ano pasado, o humorista David Amor volverá ser o mestre de  cerimonias este 2025, nunha gala na que haberá un total de oito actuacións, dúas fóra de  concurso. “Desde o Goberno de Inés Rey continuamos impulsando as nosas grandes  celebracións da man das entidades que as promoven, como é o caso das comparsas  coruñesas, moi presentes sempre na programación do Antroido”, sinala Gonzalo Castro,  concelleiro de Cultura e Turismo. 

As comparsas que participarán e optarán aos premios deste primeiro concurso serán Amigos  da Xoldra, Malandros, Melandrainas, Montealto a 100, Os Maracos e Pantaleón. Ademais,  tamén actuarán fóra de concurso Badabum Sorpresa e Os Kilomberos de Monte Alto. O  concurso comezará ás 18.00 horas e o xurado estará presidido pola alcaldesa, Inés Rey.  

Haberá primeiro, segundo e terceiro premio dotados cunha contía de 1.600, 1.250 e 800  euros, respectivamente. Ademais, tamén se poderían outorgarán accésits cun importe de 150  euros. A comparsa gañadora interpretará en directo as dúas cancións do concurso o vindeiro  venres 28 de febreiro ás 21.00 horas no acto de entronización do Deus Momo, no Obelisco.

Deja un comentario