O Concello de Riveira vén de aprobar en xunta de goberno local o prego de prescricións técnicas reguladoras do servizo de control de pragas urbanas no municipio de Riveira: desratización, desinfección e desinsectación.
Con esta iniciativa, preténdese a contratación do servizo para a execución dos traballos de control de pragas necesario para lograr en todo o termo un control dos vectores de contaminación xerados por múridos, microorganismos, insectos e outros animais que poidan constituír unha molestia ou praga, logrando un control axeitado das poboacións e, no seu caso, total ou parcial eliminación daqueles organismos e/ou microorganismos con influencia sobre a saúde pública.
O importe que servirá de base para a licitación é de 10.500 euros anuais, IVE incluído, sendo a súa duración de dous anos, se ben se poderá prorrogar con carácter anual e ata un máximo de dúas prórrogas por mutuo acordo das partes.
Entre as accións a realizar figuran:
• Desratización en edificios e dependencias municipais, rede de sumidoiros e colectores de saneamento e pluviais, rexistros de alumeado e regulación de tráfico, marxes de estradas de acceso, vías públicas, parques e xardíns, cuncas dos ríos, terreos de propiedade municipal, así como aqueles lugares, locais e zonas que se decida dende o Concello, que poden derivarse de incumprimentos de requirimentos municipais dirixidos a particulares ou empresas (posteriormente, seríalle esixido o abono dos gastos correspondentes).
• Desinfección en edificios e dependencias municipais e vehículos adscritos á Policía Local.
• Desinsectación en edificios e dependencias municipais, e vehículos adscritos ao servizo de Policía Local, ademais de 20 actuacións anuais en lugares que determinará o Concello.
Os tratamentos programaranse conforme a un cronograma establecido. No relativo ao programa de desratización realizarase un mínimo de dous tratamentos de choque anuais que, en caso de colexios, conservatorio e escola infantil, terán lugar no Nadal e no verán. No relativo ao programa de desinfección e desinsectación haberá un tratamento anual como mínimo, e tres no caso de vehículos adscritos á Policía Local.
Situacións de urxencia
En situacións de urxencia por causas imprevistas, manterase o dispositivo necesario para a realización dos servizos obxecto da presente licitación mediante tratamentos puntuais sen que haxa unha dilación superior ás 24 horas dende a notificación da aparición do foco.
Os aspirantes a gañar o concurso deberán acreditar a súa inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas.