
A intervención, cofinanciada con fondos Next Generation, supón un investimento de máis dun millón de euros
O Concello ultima xa os preparativos con vistas á segunda fase de reurbanización da rúa Pla y Cancela, onde este luns 24 comezarán os traballos no treito comprendido entre a rolda de Nelle e o cruzamento con Inés de Castro, percorrido que estará pechado ao tráfico rodado ata mediados de marzo.
Como apuntou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, esta medida é necesaria para avanzar nesta nova quenda de traballos, “para a que vimos de definir o dispositivo especial de mobilidade para facilitar o paso de vehículos na contorna de Pla y Cancela e minimizar o impacto derivado das obras no día a día das persoas residentes”.
Dado que o acceso a Pla y Cancela desde a rolda de Nelle estará cortado, o seguinte xiro habilitado estará na rúa Río Tambre, con saída directa a Juan Castro Mosquera e, deseguido, á avenida de Arteixo e rúa Industrial.
Por outra banda, e no contexto desta segunda fase, a rúa Alcalde Soto González manterá a circulación do tráfico rodado en dobre sentido e permitirá así o acceso desde a rolda de Nelle ata a rúa Juan Castro Mosquera.
Díaz lembrou, ademais, que días atrás xa se habilitou o xiro á dereita desde Inés de Castro ao sector de Pla y Cancela máis próximo á Costa de Unión e Enrique Dequidt Hevia, para mellorar a fluidez do tráfico desde a contorna do mercado de Santa Lucía.
Máis dun millón de euros de investimento para remodelar a rúa
Tal e como informou Noemí Díaz a semana pasada, na primeira fase da intervención en Pla y Cancela ampliáronse as beirarrúas para mellorar a accesibilidade especialmente nas zonas de maior pendente. Ademais, aproveitouse a actuación para acometer a renovación da rede de saneamento de augas residuais e a creación dunha nova rede de recollida de augas pluviais en Juan Castro Mosquera.
Tamén se instalaron novos elementos de mobiliario urbano e zonas verdes, para contribuír á humanización do espazo público.
As melloras en Pla y Cancela forman parte do abano de intervencións para as que o Concello obtivo financiación estatal a través da segunda convocatoria de fondos europeos Next Generation. No caso desta actuación, máis dun millón de euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.