
— O conselleiro de Educación recibe ao experto en medicina xenética no CIFP Ánxel Casal da Coruña, onde visita os laboratorios do centro e imparte unha charla ao alumnado
— É o centro con máis alumnos de Formación Profesional de Galicia, 2.600, e forma parte da Rede Estatal de Excelencia de FP, o que avala a súa calidade académica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gabou hoxe no Centro Integrado de FP Ánxel Casal-Monte Alto, na Coruña, a traxectoria profesional e persoal de Ángel Carracedo como un científico de prestixio mundial e agradeceulle que se achegue á FP galega para compartir toda a súa experiencia e coñecementos co alumnado da Formación Profesional da rama sanitaria.
O titular de Educación da Xunta visitou os laboratorios do centro xunto ao coñecido investigador, un referente na medicina xenética, e asistiu á charla que Ángel Carracedo impartiu ante os estudantes, aos que animou a “aproveitar a máximo e aprender da visita dun dos nomes máis destacados da ciencia feita en Galicia para o mundo”.
O catedrático de Medicina Legal da Universidade de Santiago de Compostela puido coñecer este centro, que é un referente nas ensinanzas da familia profesional de Sanidade con ciclos específicos como Laboratorio clínico e biomédico, Anatomía patolóxica, Medicina nuclear ou Radioterapia, entre outros.
Impresión de gominolas farmacéuticas e esterilización 360
Antes do relatorio, o conselleiro acompañou a Carracedo nunha visita ás instalacións guiada polo equipo directivo, onde se interesou polos laboratorios e os equipamentos de última xeración cos que conta. No laboratorio de Farmacia e Parafarmacia asistiron a unha demostración do proxecto de innovación FarmaGummies, de impresión de gominolas farmacéuticas, e no de Simulación e espazo de edición fixeron un percorrido virtual da central de esterilización en 360º do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
O CIFP Ánxel Casal, con preto de 2.600 matrículas, concentra o maior número de estudantes de FP de Galicia, e o seu nivel académico fixo que en 2022 entrara a formar parte da Rede Estatal de Excelencia de Formación Profesional, na que Galicia está no grupo de comunidades líderes cun total de cinco centros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.