
O compositor luso será un dos asistentes á actuación, na que levará a batuta un compatriota seu, o director Paulo Martins, como convidado especial
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) ofrece este domingo un novo concerto do seu Ciclo de Inverno, que volve ao Teatro Colón cunha sesión moi especial vencellada á cultura musical bandística do país veciño, Portugal.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a proposta desta fin de semana, inspirada en pezas do compositor luso Nelson Jesus, formado na Escola Superior de Música de Lisboa. Precisamente Jesus será un dos asistentes ao concerto do domingo, no que un compatriota seu, Paulo Martins, será o encargado de levar a batuta como director convidado.
Non é a primeira vez que Martins colabora coa BMMC, coa que xa actuou hai unha década. Agora, volverá a facelo coa posta en escena dun programa ecléctico e espectacular, no que se fará fincapé en obras musicais baseadas na liberación, tal e como explicou o director titular da Banda, Juan Miguel Romero Llopis.
As e os profesionais da BMMC interpretarán pezas de Zhou Tian e Nelson Jesus, tamén de Thomas Doss. Llopis destacou especialmente esta última, que pecha o concerto, por utilizar melodías da novena sinfonía de Beethoven, “un himno pola liberdade, que transmite ganas de vivir”, precisou.
Como xa é habitual, o concerto deste domingo 23 (12.15 horas) no Teatro Colón será aberto á cidadanía, con acceso libre ata completar a capacidade prevista no teatro.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.