Saturday 22 de February de 2025

O Concello de Fene abre a inscrición para o XV Concurso de Tapas


O Certame celebrarase do 4 ao 13 de abril coa finalidade de promover e dinamizar a hostalería local

Os establecementos interesados poden inscribirse até o 10 de marzo a través do Rexistro municipal ou na sede electrónica

O Concello de Fene está a organizar unha nova edición do Concurso de Tapas, que este ano celebra a súa 15ª edición co obxectivo de promover e dinamizar a actividade da hostalería local. A iniciativa busca incentivar a especialización e a mellora da calidade das tapas, consolidando os petiscos como unha referencia gastronómica no municipio.

O certame desenvolverase entre o 4 e o 13 de abril, nos seguintes horarios: venres de 20.00 a 22.00h, sábados de 13.00 a 15.00h e de 20.00 a 22.00h, e domingos de 13.00 a 15.00h. Durante esas datas, os establecementos participantes ofrecerán as súas creacións gastronómicas a un prezo fixo de 2,50 euros.

A concelleira de Promoción Económica, Ángeles Coira, destacou que este evento “é unha excelente oportunidade para que os locais de hostalería mostren a súa creatividade, ofrezan propostas innovadoras e, ao mesmo tempo, contribúan a dinamizar a economía local. Con cada edición vemos un maior nivel nas tapas, o que demostra o talento e o compromiso dos nosos hostaleiros”.

Inscrición aberta ata o 10 de marzo

Os establecementos interesados en participar poden formalizar a súa inscrición ata o 10 de marzo a través do Rexistro municipal ou da sede electrónica do Concello de Fene. Ademais, deberán enviar unha fotografía da tapa ao correo desenvolvemento.local@fene.gal.

As bases do concurso e o modelo de solicitude están dispoñibles na fene.gal. Para máis información, os locais interesados poden dirixir as súas consultas ao 981 492 767.

O Concello anima a todos os establecementos de hostalería do municipio a participar neste certame, que ano tras ano contribúe a potenciar a oferta gastronómica de Fene e a atraer tanto veciñanza como visitantes á vila.

Deja un comentario