
En maio comezará unha nova acción formativa de xestión de chamadas de teleasistencia. Infórmate no Fórum Carballo!
As alumnas do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais tiveron a oportunidade nestes últimos días de coñecer máis de preto o labor de APEM e Íntegro, dúas das entidades que prestan servizo a persoas dependentes na nosa contorna.
Por unha banda recibiron a visita da psicóloga da Asociación Pro Enfermos Mentais (APEM), Isabel Varela, que se achegou ata o Fórum Carballo para explicar a relevancia da atención e do acompañamento ás persoas con trastornos mentais, así coma os retos que afronta no seu día a día.
Por outra, as alumnas desprazáronse ata o concello de Cabana para coñecer as instalacións de Íntegro, que atende a persoas con diversidade funcional de toda a Costa da Morte. Foi unha experiencia enriquecedora, promovida pola directora de Íntegro, Noelia Barreira, despois da visita que realizara ao Fórum a semana anterior
para dar a coñecer o labor que desenvolve Íntegro.
Actividades deste tipo permiten reflexionar sobre a importancia de promover a inclusión, de combater os estigmas e de garantir unha atención baseada no respecto e a dignidade, e axudan a formar profesionais máis comprometidas e preparadas para ofrecer un apoio integrado e humanizado.
O curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais comezou o 12 de decembro do 2024 e prolongarase ata o 25 de abril deste ano, cunha duración total de 468 horas que inclúen 80 de prácticas.
Pero desde as concellarías de Formación e Emprego, por unha banda, e Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade, pola outra, seguimos apostando pola formación no ámbito sociosanitario. Deste xeito, para o mes de maio está previsto o inicio dun curso de Xestión de chamadas de teleasistencia (nivel II). Se non queres perder a oportunidade de formarte neste ámbito achégate ás oficinas municipais do Fórum Carballo ou chama ao 981 709 010.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.