
O concelleiro José Manuel Lage tomou parte hoxe na apertura da exposición, integrada por máis de 150 pezas entre materiais artísticos, históricos e documentos, que amosan a traxectoria da RAGBA ao longo do tempo
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, participou esta tarde no acto de apertura da exposición ‘A cidade das artes’, unha iniciativa na que o Concello colabora coa Real Academia Galega de Belas Artes nos actos conmemorativos polo seu 175 aniversario.
O evento tivo lugar na sala de exposicións municipal do Kiosco Alfonso, onde xa está aberta á cidadanía unha mostra integrada por máis de 150 pezas, entre materiais artísticos, históricos e documentos, obras de membros da Real Academia e estudosos das artes do país que contribúen, desta forma, a amosar a traxectoria da RAGBA ao longo do tempo. Ademais, a exposición tamén presta especial atención á visibilidade das obras e o traballo das académicas.
Na súa intervención, Lage destacou que “as belas artes, e por suposto a súa Real Academia, son tamén unha porta de entrada a altos valores, unha escola de cidadanía, e no noso caso de coruñesismo, ese xeito especial de galeguismo”. Lage subliñou, ademais, que “A Coruña é cidade líder en pintura e gravado, de escultura, arquitectura, música, arqueoloxía e museoloxía e artes da imaxe. Todas estas disciplinas están representadas hoxe na Real Academia Galega de Belas Artes”, á que o voceiro do Goberno municipal felicitou pola súa mostra e aniversario, “un magnífico xeito de lembrar a súa importancia no eterno carácter ilustrado da nosa cidade”.
No acto desta tarde tamén participaron o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, Manuel Quintana, presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Fernando Agrasar, comisario da exposición.
A mostra estará aberta no Kiosco Alfonso ata o día 27 de abril. Ata entón, programaranse seis conferencias abertas ao público, de diferentes especialistas, que se celebrarán no espazo baixo cuberta do Kiosco.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.