Saturday 22 de February de 2025

Á venda as entradas para o espectáculo de Moncho Borrajo e o concerto de Abraham Cupeiro no Teatro Colón


O humorista representará o seu último espectáculo o 12 de abril O músico multiinstrumentista presentará ‘Loira’ o 6 de xuño

O Concello da Coruña continúa completando a programación cultural do Teatro Colón para este 2025, un “espazo de gran repercusión a nivel nacional pola aposta que se fai desde o Goberno de Inés Rey por integrar diferentes disciplinas artísticas ao longo do ano”, tal e como indicou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. O músico Abraham Cupeiro e o humorista Moncho Borrajo
súmanse á listaxe de eventos deste 2025, con actuacións en abril e xuño.

Por unha banda, Moncho Borrajo despídese dos escenarios co seu último espectáculo ‘Se Acabó’. O recoñecido humorista galego elixiu o Teatro Colón para poñer punto e final á súa extensa traxectoria. O sábado 12 de abril será a última ocasión de poder gozar en directo do cómico na Coruña.
Por outra banda, Abraham Cupeiro presentará na Coruña o seu novo disco ‘Loira’. O músico multiinstrumentista e construtor de instrumentos ofrecerá catro únicos concertos en Galicia, un deles na Coruña e no Teatro Colón o vindeiro 6 de xuño. En “Loira” están previstos unha serie de concertos na primavera cun ensemble de seis músicos que residen en Galicia. As cidades polas que pasaremos serán Lugo, Pontevedra, Ourense e A Coruña. Abraham Cupeiro contará coas voces de Davide Salvado e Matthew Ward, así como co acordeón de Sabela Caamaño, o violín de Cibrán Seixo, o arpa de Alba Barreiro e o contrabaixo de Antonio Cienfuegos.

As entradas para ambos espectáculos póñense á venda este xoves, 20 de febreiro. As persoas interesadas poderán adquirilas a través do portal de venda de entradas en liñaAtaquilla e no despacho de billetes da praza de Ourense. Ademais, en caso de quedar dispoñibles localidades, o día da función habilitarase tamén a billeteira do propio teatro.

Deja un comentario