Saturday 22 de February de 2025

Paderne instalará caudalímetros dixitais na saída dos depósitos municipais para medir con “eficiencia e certeza” o volume de auga


 O goberno local anunciou esta medida nun pleno extraordinario celebrado onte, no que se informou aos diferentes grupos políticos do estado da rede de abastecemento tras obter os resultados da auditoría externa

 O executivo estuda más iniciativas de mellora que incluirá nos orzamentos deste ano

O Concello de Paderne instalará caudalímetros dixitais na saída dos seus dous grandes depósitos municipais para medir con “eficiencia e certeza” o volume de auga que conteñen. Así o anunciou no pleno extraordinario celebrado onte, mércores 19 de febreiro, no que informou aos distintos grupos políticos con representación do estado da rede de abastecemento tras obter os resultados da auditoría externa.

Esta medida será a primeira dentro dun plan de mellora aínda en estudo e que busca darlle un impulso ao sistema de abastecemento municipal, que actualmente conta con medidores manuais. Coa modificación deste mecanismo, o Concello de Paderne coñecería de xeito exacto e en todo momento cal é o volume de auga coa que contan as súas estruturas de reserva e subministro de auga potable.
Actualmente, o Concello de Paderne está cualificado polas autoridades competentes como de ‘grao 2’, ao atoparse entre as 10 e as 100 toneladas. Pero o goberno municipal entende que é preciso poñer en marcha “a dixitalización das augas” como paso importante de avance cara o futuro.

Ademais, o equipo dirixido por Sergio Platas estuda máis melloras vinculadas á rede de abastecemento, unha das súas prioridades de goberno xunto ao saneamento, tema no que xa cristalizaron avances ao obter un compromiso de estudo integral por parte de Augas de Galicia tras a execución dunha auditoría externa. Estas novas melloras irán, en todo caso, incluídas nos orzamentos do ano 2025 que o goberno local está a elaborar.

No segundo punto do día do pleno extraordinario figuraba a “adquisición de compromiso por parte do goberno local de dirixirse ás autoridades sanitarias a fin de coñecer a posible existencia dalgunha enfermidade vinculada á auga”. O alcalde aclarou que na actualidade “non existe” ningún tipo de indicativo que sinale cara a presenza de bacterias na auga municipal.

Ademais, recalcou que se nalgún momento se dese esa circunstancia excepcional, o filtro máis eficiente atópase nas autoridades sanitarias: “Son o primeiro filtro e se encargan de informar ao Concello no caso de sospeita”. Precisamente por iso, descartou “chamar de xeito periódico” ás autoridades: “Os protocolos non funcionan así. Unha cousa é que chamemos se, de xeito particular, detectásemos algo, o que sen dubidar faríamos. Pero outra moi diferente é preguntar constantemente se algún parámetro está mal. Se está mal, seremos informados ao momento. Non hai que crear alarma porque si”.

Deja un comentario