Saturday 22 de February de 2025

Galicia aspira a reducir un 75% as emisións de dióxido de carbono antes de 2030 e que a xeración eléctrica renovable chegue ao 85%


— Ángeles Vázquez salienta que a comunidade confía en consolidar os avances logrados nos últimos anos na loita contra o quecemento global co obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040

— O PRIEC 2030 inclúe medidas que xa están a desenvolverse como a Estratexia Galega de Infraestrutura Verde, coa posta a disposición dos concellos de apoios de ata 60.000 euros para crear espazos naturais nas áreas urbanas e periurbanas

— A conselleira salienta que Galicia logrou por primeira vez que dous proxectos que teñen como obxectivo paliar os efectos do cambio climático -AguaTech e SICLE CO2- accedesen a fondos europeos a través dun proceso de compra pública innovadora

Galicia aspira a reducir un 75% as emisións de dióxido de carbono antes de 2030 e que a xeración eléctrica renovable chegue ao 85% dentro do seu obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040. Estes son algúns dos retos recollidos no II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC 2030) e que a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, destacou durante a presentación deste instrumento para actuar fronte ao quecemento global.

Este segundo PRIEC pretende guiar de forma transversal as políticas galegas ao abeiro da Estratexia Galega de Cambio Climático e dar continuidade ao desenvolvido entre 2019 e 2024, que permitiu que Galicia reducise a emisión de gases de efecto invernadoiro a un ritmo tres veces superior ao de España e da UE así como que sexa a comunidade na que máis se reduciron as emisións contaminantes (preto do 60%), por enriba incluso dos obxectivos europeos para 2030.

A responsable autonómica explicou que neste novo documento se inclúen 93 medidas específicas coas que se prevé mobilizar un investimento de preto de 1.800 millóns de euros. A finalidade última é consolidar a posición de privilexio da comunidade autónoma na loita contra o cambio climático e reforzar cuestións como a capacidade de absorción de dióxido de carbono, un eido no que Galicia é responsable dunha de cada cinco toneladas capturadas no conxunto de España.

A conselleira incidiu en que este plan é un paso máis do Executivo galego na súa estratexia para implicar a toda a sociedade na adaptación ao cambio climático e os seus efectos na liña doutras actuación como a creación da marca Galicia Refuxio Climático, a posta en marcha da iniciativa Mocidade polo Clima, a creación da Rede Local polo Clima ou a Alianza Galega polo Clima, esta última xa con máis de 190 entidades público-privadas adheridas.

Ángeles Vázquez salientou que a Xunta busca avanzar na descarbonización con medidas como o impulso de infraestruturas verdes -para lograr espazos urbanos e periurbanos máis saudables-, a mellora dos sistemas de saneamento da auga, a aposta por medios de transporte máis eficientes e a aposta pola innovación e a investigación mediante proxectos como os financiados pola compra pública innovadora.

Neste sentido, algunhas das medidas incluídas no plan xa están a dar os seus froitos, como a posta en marcha da Estratexia Galega de Infraestrutura Verde e da conectividade e restauración ecolóxicas, cunha liña de axudas de ata 60.000 euros para apoiar aos concellos en proxectos que busquen solucións verdes e naturais aos efectos do cambio climático. En total, destínase un orzamento de 2 millóns de euros a impulsar refuxios climáticos urbanos, o aumento da biodiversidade e a mellora das infraestruturas verdes e fluviais.

Innovación
Mentres, no eido da innovación e da investigación, a conselleira puxo en valor o acerto de Galicia ao lograr por primeira vez que dous proxectos que teñen como obxectivo paliar os efectos do cambio climático accedesen a fondos europeos a través dun proceso de compra pública innovadora. Trátase dos proxectos AguaTech, promovido por Augas de Galicia para mellorar a xestión das masas de auga, e SICLE-CO2, para a creación dunha plataforma coa que impulsar a absorción das emisións de dióxido de carbono.

Estas dúas iniciativas suman un investimento total de 14,3 millóns de euros, dos que 7,7 millóns de euros serán financiados con recursos europeos acadados na convocatoria do proceso competitivo de compra pública innovadora, unha mostra do punteiras e relevantes que son ambas actuacións a nivel estatal e europeo.

Ángeles Vázquez concluíu sinalando que o PRIEC 2030 é un instrumento transversal que permitirá a Galicia consolidar a súa posición de vangarda para afrontar os grandes retos climáticos actuando desde o eido local cara ao global.

Deja un comentario