Saturday 22 de February de 2025

O Concello de San Sadurniño celebra a Rosalía cunha mostra sobre a súa obra, cun concurso de debuxo e co rock’n’roll de Pakolas


Este domingo 23 de febreiro celebramos o nacemento de Rosalía de Castro, nai do Rexurdimento cultural do galego e muller avanzada ao seu tempo que nos deixou unha obra vangardista polas múltiples lecturas que dela se poden tirar en clave feminista, en clave de denuncia das desigualdades de todo tipo e tamén en clave de país. Só agora, a forza de reler a prosa e a poesía rosaliana, estamos empezando a facernos unha idea da súa verdadeira dimensión literaria, resultado dun pensamento analítico e crítico co contexto social en que viviu. Para afondarmos na súa vida e obra, a Biblioteca Municipal propónnos visitar a exposición aberta desde onte no recibidor da Casa da Cultura e participar no concurso de debuxo que abrirá o propio domingo o prazo de recepción de orixinais. A programación do Día de Rosalía complétase co espectáculo “Cores, contos e Rock’n’roll con Ramona Órbita” que nos trae Pakolas este venres á Casa da Cultura e, sobra dicilo, coa manifestación de Queremos Galego! en Santiago o propio día do aniversario da autora.

As actividades organizadas pola Concellaría de Cultura incluían tamén o monólogo “Galego Para Adolescentes” de Avelino González, que ía ter lugar no auditorio municipal este venres pola mañá. Porén, debido a un desaxuste de axenda co CPI de San Sadurniño, o Concello optou por cancelalo e pasalo para máis adiante.

O que si segue en pé é o espectáculo de Paco Cerdeira, Pakolas, quen subirá ao escenario con “Cores, contos e Rock’n’roll con Ramona Órbita”. A música de Paco Cerdeira xúntase desta vez cos debuxos ao vivo de Laura Romero para compoñer historias marabillosas protagonizadas Ramona, a súper muller labrega da Serra do Courel. Historias cheas de cor que irán cobrando vida ao ritmo de Pakolas diante dos ollos das nenas e nenos, e das súas familias.

A entrada é gratuíta pero fai falla reservar convites -e xa quedan poucos- chamando ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Mostra sobre Rosalía
Quen se achegue pola Casa da Cultura atopará no recibidor un completo mostrario da obra de Rosalía de Castro. Son os fondos literarios que posúe a Biblioteca Municipal sobre a autora, divididos en narrativa e poesía, ordenados cronoloxicamente e acompañados de fichas explicativas que nos axudan a comprender mellor a visión que tiña do mundo a escritora de Iria Flavia.

A finalidade da exposición é que a veciñanza coñeza a vida e, sobre todo, as mensaxes tan modernas e vixentes que lanza a escrita de Rosalía, malia mediar máis dun século. Ademais, a mostra tamén pretende servir de inspiración para o concurso de ilustración convocado polo Concello con dúas categorías, unha para nenas e nenos ata os 12 anos e outra para calquera persoa dos 13 anos en diante.

Os orixinais poderán entregarse na Casa da Cultura ou enviarse ao correo bbliosansa@hotmail.com entre o 23 de febreiro e o 3 de marzo.

Manifestación en Santiago
Non é casualidade que a plataforma Queremos Galego! convocase para o Día de Rosalía unha manifestación en defensa da lingua que promete ser multitudinaria. Unha mobilización que, igual que a obra da poeta, quere marcar o rexurdir do galego no ensino, nas Administracións, na Sanidade, na Xustiza e en todos os ámbitos da vida dos que foi desaparecendo nos últimos anos.

A marcha partirá o domingo ás 12:00h da Alameda de Santiago e rematará na Praza do Obradoiro despois de percorrer as principais rúas do centro compostelán.

Para facilitar a asistencia, Moeche e San Sadurniño porán un autobús gratuito que sairá ás 10:15h do pavillón polideportivo de San Ramón e que parará ás 10:30h -ao lado do bar Del Palacio- para recoller a pasaxe que vaia desde o noso concello. É necesario reservar praza enviando unha mensaxe co nome e un teléfono de contacto a correo@sansadurnino.gal.

Deja un comentario