
O Concello de Frades convoca o “Mes da saúde”, un programa que inclúe catro xornadas no Hotel Balneario Compostela que terán lugar os martes 4, 11, 18 e 25 de marzo. O prezo é nos 65 euros e a admisión terá lugar por rigorosa orde de inscrición de forma presencial no Concello ou a través da sede electrónica. En todo caso, terán preferencia as persoas empadroadas en Frades.
Para desprazarse ata Brión, o Concello de Frades porá un autobús a disposición das persoas participantes, que sairá da Grabanxa ás 15:00 horas e as recollerá polas distintas parroquias. Os veciños e veciñas participantes deberán levar traxe de baño, chancletas e gorro de piscina. Para a celebración da actividade é preciso xuntar un grupo mínimo de 25 persoas.
“O que buscamos con esta iniciativa é que as persoas participantes desfruten da auga mineromedicinal en todas as súas formas. A hidroterapia achega múltiples beneficios físicos e psíquicos, e poderán desfrutalas nunha contorna de relaxación e natureza”, explica Manuel Ferreiro, concelleiro de Sanidade. O circuíto termal do Hotel Balneario Compostela inclúe dúas piscinas dinámicas con chorros, contracorrentes, camas de auga, jacuzzi, asentos de burbullas, duchas bitérmicas e de aromas, circuíto circulatorio de pernas e unha sala de relax con mármores quentes, entre outros servizos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.